As Letras Galegas impulsan numerosas actividades no seu gran día institucional

As Letras Galegas impulsan numerosas actividades no seu gran día institucional
Diario de Ferrol-2014-05-17-015-05e85cfe

Culminación de semanas e meses de traballo para moitas entidades e institucións, hoxe conmemórase oficialmente o Día das Letras Galegas cunha manchea de actos espallados ao longo das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. 
No caso do Concello de Ferrol, a AVV de Pazos comeza ás 17.30 horas o programa coas palabras do presidente da Agrupación de Asociacións de Veciños da Zona Rural, José Lage. Despois, os pequenos da parroquia farán unha semblanza de Xosé María Díaz Castro, a quen se lle adica este ano o recordo do Día das Letras Galegas. A compañía de teatro O Maxolo representará unha función e despois cantará a rondalla de mulleres de Santa Uxía de Mandiá. A interpretación do Himno Galego pechará o acto.
Na praza de Armas a plataforma Queremos galego convoca a un gran acto en defensa do idioma, ao que se sumaron numerosas entidades, e que se repetirá en tódalas grandes cidades de Galicia e no Concello de Foz. Ás 12.00 horas comezará cos gaiteiros Neira e Agulló. A continuación levarase a cabo unha ruta de ida e volta entre as prazas de Armas a Amboaxe paseando a través das rúas do centro da cidade. De regreso, farase unha lectura poética por membros da asociación cultural Medulio. Antón Cortizas, a continuación, lerá un manifesto elaborado pola escritora Marica Campo que será común ao resto dos actos celebrados por Queremos Galego.
Finalmente, o cantante Manolo Bacalhau continuará cunha actuación e o acto despedirase coa interpretación do Himno de Galicia. Xa pola tarde, a asociación Semente Trasancos organiza una romería infantil no paseo marítimo de Xuvia, en Narón. Convidan a levar a comida e ás 17.00 horas haberá un concerto de Sabela de BBTTA, actuará un contacontos e o pintor Leandro Lamas realizará un mural coa axuda dos pequenos que desexen participar.

noutras localidades
No Torreón dos Andrade entréganse ás 12.30 horas os premios do XXIV Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Posteriormente haberá unha actuación do grupo folclórico local Orballo.
O Círculo de Fene conmemora as Letras Galegas organizando ás 20.00 horas unha misa cantada na igrexa parroquial e posteriormente, ás 21.00 horas, o escritor, xornalista e académico numerario de San Rosendo, Ramón Loureiro de Sillobre, pronunciará unha charla na que descubrirá os verdadeiros horizontes dos versos e da vida de Xosé María Díaz Castro. A entrega de insignias aos socios que levan 25 anos na entidade e a actuación da rondalla Estrelecer porán fin ao programa que concluirá cunha degustación de queimada acompañada de proia.
En Cedeira celébrase esta data cun concerto de violín e piano no Auditorio Municipal a cargo de Xaquín caro e Severino Ortiz. Comezará ás 20.00 horas e a entrada custa 2,50 euros.  

As Letras Galegas impulsan numerosas actividades no seu gran día institucional

Te puede interesar