Canido anima á cidadanía a decorar as xanelas con maios para celebrar a festa primaveral

Canido anima á cidadanía a decorar as xanelas con maios para celebrar a festa primaveral
centro cívico de Canido, concurso de Maios

Os maios do barrio de Canido non se renden ante a crise do Covid-19. A inevitable suspensión da programación prevista para este ano levou a varias entidades a pensar noutro xeito de poder celebrar esta fin de semana a festa primaveral. Xurdiu así “Maios na Xanela”, unha proposta que permitirá recuperar, en pleno confinamento, a esencia desta tradición. A ausencia das actividades musicais e culturais que cada ano forman parte da cita, outorgarán desta volta o absoluto protagonismo aos elementos florais. Debuxos, manualidades con materiais de refugallo, flores secas, frescas... calquera opción será válida para participar na iniciativa, a desenvolver durante as xornadas do sábado e do domingo.

O presidente da Asociación Veciñal de Canido, Roberto Taboada, anima a toda a cidadanía a participar na decoración e a enviar as imaxes das súas creacións ao facebook da entidade.

“No medio deste confinamento, se lle está dando moito valor á elaboración dos maios. Temos xa moitas imaxes que nos chegan desde nenos e nenas moi pequenos ata a adultos de 90 anos”, salienta.

“O bonito é que a xente volve á orixe e recupera a tradición de facer os maios”, engade. Varios tutoriais axudan, a través da rede social da asociación, a coller ideas para as creacións.

Cartel

Un deles é o achegado pola artista Sofía Piñeiro, autora ademais do cartel que ilustraba a edición da festa deste ano e que será empregado na vindeira edición.

Aquelas persoas que queiran algunha flor fresca para a súa composición terán hoxe a oportunidade de recollelas no barrio grazas á donación feita por Bambú e Viva Flor. Tal e como explicou Taboada, colocaranse nuns cestos diante dalgúns establecementos que están abertos, como quioscos ou froiterías “para que a xente, cando vaia á compra, poida coller as flores”, explicou Taboada. O presidente da entidade veciñal destaca tamén o feito de que a partir do sábado, se non hai cambios nas previsións anunciadas polo goberno estatal, poderase saír a pasear, o que permitirá á xente contemplar os “maios na xanela”.

Música

A iniciativa irá acompañada dunha proposta cultural online a través dunha lista de reprodución preparada pola asociación con actuacións e espectáculos de artistas do barrio ou vinculados a esta festa e que poderá verse a través do seu canal de youtube.

Anímase ademais á xente a cantar tamén algunha copla propia desta tradición.

Ademais, o sábado ás 20.00 horas estrearase a montaxe audiovisual creada polo grupo Riff Raff en homenaxe a Toñito, fundador e cantante do grupo ata o seu falecemento o pasado ano. A banda tiña organizado para esta fin de semana unha festa na súa lembranza que, como todos os demais eventos, tivo que ser aprazado por mor da actual crise sanitaria. O toldo solidario da Tafona ou o xantar veciñal, dúas das iniciativas enmarcadas nos últimos anos na festa dos maios e que gozan dun gran éxito, tamén terán que agardar.Con respecto ao primeiro dos eventos, “estamos pensando como argallar algo para que se poida manter esa recadación que a parroquia de Santa Cruz conseguía no toldo e non menoscabar a súa acción social neste momento, no que se está a axudar a un maior número de familias sen recursos”, comenta Taboada. l

Canido anima á cidadanía a decorar as xanelas con maios para celebrar a festa primaveral

Te puede interesar