Ferrol en Común chama “á cidadanía indignada” para romper co “réxime”

ferrol en común
|

Esquerda Unida, Anova e un grupo de inscritos en Podemos, a título individual, impulsan Ferrol en Común, un “partido instrumental” que se presentará ás eleccións municipais co obxectivo de ofrecer un espazo de transformación  e de “recuperación dos dereitos sociais usurpados polo réxime en beneficio da banca”. Os partidos  recoñécense “dinamizadores” dunha proposta “que xorde dunha demanda cidadá, da clase traballadora que sofre constantes agresións por parte do poder” pero “sen manipulacións nin acaparamentos dos postos” polo que “con xenerosidade renunciaremos ás nosas siglas nunha papeleta que esperamos que sexa única”, explicou Jorge Suárez, de EU. Si aportarán a súa infraestrutura e loxística e “o activo da experiencia política”, que queren reivindicar. Queren deixar claro, ademais, que “este é un proceso que nace de abaixo arriba, que parte de decisións asamblearias e non da dirección das organizacións”.
Suárez foi o único dos representantes das tres principais forzas que se mostrou disposto a presentarse ás Primarias que se convocarán para elixir candidato á Alcaldía e tamén para confeccionar o resto da lista. “Quero deixar ben claro que non hai un pacto de partidos, queremos unha lista plural con representantes sociais, e os postos non van estar repartidos previamente”, asegurou. “Eu fun elixido candidato nas Primarias da miña organización e teño a responsabilidade de presentarme pero iso non quere dicir que saia”. Porén, Álvaro Montes, de Anova, deixou claro que non ía competir por ese posto e Carlos del Río afirmou que nin el nin ningún dos inscritos de Podemos ós que representa (máis dun cento de persoas) irá en posicións de saída. “Non temos pretensións de postos. Queremos unha candidatura de unidade popular porque cremos que é o que necesita esta cidade. Deben ser cidadáns de recoñecido prestixio social os que vaian neses lugares”, asegurou.
Ferrol en Común conta cun manifesto fundacional no que se alude á grave situación económica e social da cidade e se aposta por “un programa político de esquerdas, asambleario e rupturista” para “recuperar Ferrol para a súa veciñanza”. Destacan propostas como a renda básica municipal ou o emprego garantido. “Primamos os obxectivos políticos dentro dun espazo de apertura”, comentou Álvaro Montes, de Anova. “Se alguén coñece o significado político do bipartidismo, ese é Ferrol”.
Os cidadáns ou colectivos que queiran sumarse poderán suscribir este manifesto, ademais de asumir o código ético que se aprobará nunha asemblea conxunta cara a finais de semana. Entón tamén se decidirá o regulamento das Primarias e as liñas programáticas básicas. O proceso fixará prazos curtos para poder ter a candidatura preparada o 9 de abril como data límite posto que entre o 15 e o 20 dese mes deben presentarse legalmente. Desde Ferrol en Común apelan “a tódolos partidos á esquera do PSOE, ós colectivos sociais e a toda a cidadanía indignada” para que a transformación social que buscan teña “unha base forte”. “Imos ir con toda a nosa forza porque cremos que temos aspiracións reais de gobernar esta cidade”, apunta Suárez.
Sobre o escenario postelectoral, aseguran que o principal “é que non goberne o PP, que abocou á cidade a un desastre total” pero que posibles pactos terán que ser decididos en asemblea e sempre tendo como eixe os acordos programáticos.

Ferrol en Común chama “á cidadanía indignada” para romper co “réxime”