O IES Leixa reúne a preto de 400 persoas na II Xornada para técnicos de enfermaría

O IES Leixa reúne a preto de 400 persoas na II Xornada para técnicos de enfermaría
Jornada sobre técnicos de cuidados auxiliares de enfermería

O IES Leixa aposta firmemente polo contacto coa realidade laboral para achegar a mellor formación posible aos seus alumnos. Desta filosofía teñen xurdido nos últimos anos diferentes proxectos e actividades formativas centradas nas familias profesionais nas que o centro imparte docencia.
O pasado curso desenvolvíase, nesta liña, a I Xornada para Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría. O excelente respaldo acadado entón, cuns 200 participantes, animou a organizar unha segunda edición, a que onte tivo lugar durante todo o día no Pazo da Cultura de Narón. E, de novo, éxito de asistencia.
Arredor de 400 persoas, entre alumnos, profesores e profesionais do ámbito reuníronse para abordar o papel destes traballadores na prestación de coidados sanitarios específicos, como as unidades de saúde mental; as de coidados paliativos; intensivos e reanimación; ou a atención en grandes catástrofes como a acontecida o pasado verán co accidente ferroviario do Alvia en Angrois.
Conferencias, mesas redondas comunicacións libres e exposicións de pósteres deron forma a un encontro ao que asistiron traballadores de toda Galicia, así como estudantes do ciclo de Coidados Auxiliares de Enfermaría de Cee, Burela, Lugo, Verín, Poboa do Caramiñal e Ourense, ademais dos anfitrións, do IES Leixa.
Paralelamente á celebración da xornada, moitos dos convidados puideron realizar unha visita ás instalacións do instituto ferrolán co obxectivo de coñecer de primeira man os recursos dos que dispón.

inauguración
A II Xornada TCAE deu comezo
ás 9.30 horas coa inauguración, na que estiveron presentes a presidenta do comité organizador e directora do IES Leixa, Ana Roel; o alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco; a segunda tenente de Alcalde do Concello de Ferrol, Susana Martínez; o director xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Manuel Corredoira; e o responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio.
Todos eles salientaron a realización dunha cita que, tal e como apuntou Corredoira, convértese nun “espazo de encontro para profesionais, docentes e alumnos de cara a compartir coñecemento e debatir sobre diferentes aspectos da profesión”.
Aludiu tamén á cita como un marco perfecto para impulsar a formación continua dos profesionais  e para poñer a Formación Profesional, dixo, no lugar que a sociedade demanda. Neste sentido, Corredoira subliñou o gran incremento que nos últimos anos se está a producir na matrícula dos estudos de FP na comunidade galega.
Cualificou así mesmo como “imprescindible” a interacción entre os centros educativos e as empresas para adaptarse aos cambios da sociedade. Unha colaboración que precisamente veñen mantendo desde hai anos, tal e como onte se puxo de manifesto, o centro ferrolán e a Área Sanitaria de Ferrol, e que, en palabras de Ángel Facio, “redundará na sociedade ferrolá”.
A directora do IES Leixa, Ana Roel, aproveitou para reivindicar o importante papel da Formación Profesional, que “está deixando de ser a gran esquecida”, mentres que Susana Martínez referiuse a os TCAE como profesionais con gran proxección nun sistema sanitario, o español, ao que colocou “entre los mejores del mundo”.

sede
O alcalde naronés, pola súa banda, salientou a importancia da atención sanitaria e da necesidade da formación continuada do colectivo, o que precisamente se favorece con iniciativas como a desenvolvida onte durante todo o día no Pazo da Cultura naronés.
Desde a organización agradeceuse a cesión do espazo por parte do goberno naronés, xa que no Concello de Ferrol, no que está ubicado o instituto, non había ningún lugar dispoñible co aforo suficiente para albergar a xornada formativa.
Tamén acudiron entre os convidados o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana; o inspector xefe Fermín Álvarez; e a inspectora do instituto, Elena Urtiaga. Representantes da Universidade da Coruña, de institucións sanitarias de Ferrolterra, así como de empresas e entidades colaboradoras achegáronse ata o espazo cultural naronés.

O IES Leixa reúne a preto de 400 persoas na II Xornada para técnicos de enfermaría

Te puede interesar