O percebe será o rei da mesa en Cedeira durante a fin de semana

O percebe será o rei da mesa en Cedeira durante a fin de semana
Cedeira festa do percebe

A I Exaltación do Percebe de Cedeira (a XVI Festa do Percebe na súa denominación anterior, antes de que se fixese cargo da organización o Concello) comeza hoxe na vila e dedicará toda a fin de semana a festexar este produto icónico na gastronomía galega. Degustacións, obradoiros, xogos, música e incluso cine forman parte dun programa que comeza hoxe ás once da mañá e rematará na noite do domingo. Será a ocasión de recuperar unha cita que se botou de menos o ano pasado e que agora rexorde a través da iniciativa municipal co apoio económico dos Grupos de Acción Costeira e a colaboración da Confraría de Pescadores. O alcalde cedeirés, Luis Rubido, subliña a importancia de promocionar un produto que é unha fonte de riqueza para a vila.
A primeira actividade da fin de semana será a proxección da curtametraxe “Percebeiros”, de David Beriain, ás once da mañá, no parque do Sagrado Corazón. Unha hora despois comezarán os obradoiros mariñeiros para os nenos, con globoflexia, maquillaxe ou elaboración de xoguetes vencellados á cultura marítima. Para as 12.30 horas está previsto un showcooking no que diversos chefs elaborarán en directo pratos co percebe como elemento principal. Despois poderanse degustar.
Pola tarde, desde as cinco, haberá de novo obradoiros infantís e ás seis comezará o taller de cociña Pequechefs do Mar, dirixido tamén ós nenos. Nesta última proposta é preciso inscribirse previamente na carpa da festa, xa que as prazas están limitadas a 25 persoas.
Pola noite, ás nove, abrirán a tapería e taberna galega, na que se poderá comer mexillón, zamburiñas, empanada, polbo e tamén percebe.
O rock animará a noite na pista polideportiva anexa ó pavillón, cun concerto no que actuarán as formacións coruñesas La Banda del Camión, Say My Name e Siete Vidas (estes últimos homenaxean a Antonio Flores).
A degustación masiva de percebe, con racións a dez euros, será o domingo a partir da unha da tarde, aínda que xa unha hora antes comezarán as actividades con obradoiros infantís e música tradicional. O programa da tarde inclúe tamén talleres para os nenos e, ás sete, haberá un curso de cociña de mercado no que se ensinará a traballar cos produtos frescos que habitualmente se encontran nas prazas de abastos. A tapería da ría volverá abrir á hora da cea e será a que despida coas súas propostas gastronómicas esta renovada festa.

O percebe será o rei da mesa en Cedeira durante a fin de semana

Te puede interesar