A Academia presenta no Cruceiro de Canido a súa “Primavera das Letras”

Exposición Torrente Ballester sobre Carballo Calero
|

A Real Academia Galega presenta este martes no CEIP Cruceiro de Canido o proxecto web “Primavera das Letras”, protagonizado desta volta por Ricardo Carvalho Calero, a quen a institución que preside Víctor Freixanes lle dedica este ano o 17 de Maio. O acto principiará ás once da mañá no salón de actos do centro educativo e estará conducido pola súa directora, Concepción Requejo. Por parte da RAG intervirá, ademais de Freixanes, a académica Fina Casalderrey.

Será esta a primeira homenaxe da Academia a Carvalho na súa cidade natal. A iniciativa está dirixida aos nenos e nenas de Infantil e Primaria, fornecéndolles material lúdico e didáctico arredor da figura dun filólogo e escritor imprescindible para coñecer a realidade cultural galega do século XX. Todos os recursos son de acceso libre a través da web primaveradasletras.gal.

Esta web botou a andar no ano 2016 con Manuel María como protagonista e, desde aquela, aborda dun xeito ameno diferentes aspectos da vida e obra do personaxe. O material consta de actividades interactivas e fichas descargables para xogar e aprender sen necesidade de conexión a internet, informa a RAG. Ademais, inclúe o concurso escolar “Contádenos o voso Día das Letras”. 

Como colofón ao acto do martes, un grupo de alumnas e alumnos do centro porán en escena unha representación teatralizada baseada na vida e obra de Carvalho Calero.

A Academia presenta no Cruceiro de Canido a súa “Primavera das Letras”