Como cada ano, e por decimoctava vez consecutiva, o cemiterio de San Salvador de Serantes acolleu onte un acto de homenaxe e recoñecemento a un dos fillos máis ilustres do concello de Ferrol, Gonzalo Torrente Ballester, no aniversario do seu falecemento.
O alcalde da cidade, Jorge Suárez e o profesor estudoso da obra do autor, José Antonio Ponte Far, depositaron enriba da lápida onde descansan os restos mortais do escritor unha coroa de flores. Acto seguido, distintos concelleiros de distintos partidos políticos e representantes de entidades sociais e culturais como a Asociación de Veciños de Serantes, parroquia na que naceu Torrente Ballester, foron depositando craveis brancos na tumba.
“Os recordos esquezidos fan dano”. Con esta frase do escritor ferrolán quixo poñer en valor Jorge Suárez a figura do autor de “Los Gozos y las Sombras” porque “Torrente nos seus libros fala da xente e da terra de aquí e ano tras ano hai que reinvidincar a súa figura porque é reivindicar a Ferrol e a súa contorna”.
José Antonio Ponte Far aplaudiu a predisposición do Concello de unirse cada ano a este sentido homenaxe, sen importar qué corporación esté no poder.
O profesor destacou o difícil que é que un escritor da talla de Torrente Ballester teña o recoñecemento que se merece nuns tempos nos que “impera a literatura inmediata”.
Con todo, destacou a importancia da obra do escritor e trouxo á memoria a dúas persoas moi importantes na súa vida: Fernanda Sánchez-Guisande, a súa segunda muller, e o seu bo amigo, Carlos Casares. n