Música no aniversario da Praia do Lago das Pontes

Música no aniversario da Praia do Lago das Pontes
bañistas gozando da praia

A Praia do Lago das Pontes cumpre o seu primeiro aniversario e, para celebralo e, de paso, dar a coñecer este espazo a quen aínda non tivera oportunidade de facelo, o Concello organizou dúas noites de concertos para os días 23 e 24 de agosto.
A primera destas veladas terá como protagonistas a Brothers in Band, unha formación de tributo ós Dire Straits que se conta entre as de maior prestixio de Europa. Actuarán a partir das dez da noite.
Xa o sábado 24, desde as nove, a enerxía da Magnifique Bande dos Homes sen Medo percorrerá a praia cun pasa-rrúas no que misturan as súas influencias do jazz con todo tipo de sons, pero sempre co impulso de facer bailar a quen os escoita.
Este espectáculo dará paso ás actuacións no escenario, que principiarán con Bourbon Queen, unha banda pontesa fundada no 2011 que ofrece un repertorio de blues e rock ancorado nos 70.
Tomarán o relevo os cataláns Txarango, que presentarán o seu último traballo, “Benvinguts al llarg viatge”, en hora e media de mestizaxe e diversión antes de comezar a súa xira por diversas cidades europeas.
E como fin de festa, Terbutalina, unha banda galega chea de intensidade que está a triunfar en todo o país coa súa mestura de rock garaxe, punk e influencias de distintas tradicións, como deixa entrever o título do seu último traballo, “Ritmo serbio”.
E para que a festa continúe ata que asome o sol, o DJ Pimp, campeón de España e entre os cinco mellores do mundo de DMC, ademais de asiduo das mellores salas da Península, encargarase de que ninguén pare de bailar.

Música no aniversario da Praia do Lago das Pontes

Te puede interesar