Co obxectivo de ser “máis eficientes”, a Universidade da Coruña vén de tomar unha serie de medidas centradas na reorganización do Persoal de Administración e Servizos (PAS) que, segundo as previsións da institución académica, entrarán en funcionamento o vindeiro 2 de maio. Entre elas destaca a creación das Unidades de Xestión Académica Integrada (UXAIs), que supoñen a reagrupación das administracións de varios centros que contan con menos de 500 alumnos.
Así, a UXAI do campus de Ferrol, que terá a súa sede no edificio da Vicerreitoría, aglutinará aos devanditos servizos da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, a Escola Universitaria de Deseño Industrial, a Facultade de Ciencias do Traballo e a Facultade de Humanidades e Documentación.
Esta centralización non suporá a redución do cadro de traballadores, asegurou a UDC, xa que o que se fará é trasladar a esta nova unidade ao persoal administrativo que ata o de agora viña exercendo estas tarefas administrativas nos catro centros mencionados. As dúas politécnicas, tanto a de Serantes como a de Esteiro, non se verán afectadas por esta reorganización, mantendo as súas respectivas secretarías.
Así, segundo fontes da Xunta de Personal da institución académica, a UXAI ferrolá estrutúrase en dous apartados. Do académico ocuparanse un total de seis traballadores (2 administradores, 2 xefes de negociado e 2 administrativos), mentres que no económico haberá 1 administrador de asuntos económicos dos centros e tamén da futura residencia universitaria, e dous xefes de negociado.
Outra das novidades que trae consigo esta reorganización dos efectivos administrativos é a creación das Unidades de Apoio a Departamentos de Investigación (UADIs), que implican a redistribución dos postos de secretaría administrativa dos departamentos e que terán como funcións, ademais de seguir apoiando a estes –ao campus de Ferrol están adscritos os de Ciencias da Saúde e o de Humanidades–, axilizar as cuestións administrativas dos grupos de investigación.
reforzo
Tamén se reforzan as atribucións das administracións dos centros con parte deste personal de secretaría dos departamentos, que terán que facerse cargo da xestión dos expedientes dos alumnos, incluíndo a mobilidade internacional, a xestión das titulacións de grao e mestrados e o soporte administrativo dos Sistemas de Garantía Interna de Calidade das Titulacións, de importancia no novo marco do Espazo Europeo de Educación Superior, “en que todas as titulacións teñen que superar procesos de revisión e certificación”, segundo a propia UDC.
Así mesmo, haberá, tamén no mesmo edificio da Vicerreitoría de Ferrol, un Servizo de Investigación que, entre outras funcións, asesorará aos investigadores na elaboración dos orzamentos dos proxectos de investigación e tramitarán os expedientes orzamentarios dos memos. Un administrador e un secretario administrativo estará o fronte do mesmo.
Todo este proceso de reorganización, no que se leva traballando desde o mes de outubro, concluíu coa publicación no DOG do 16 de abril da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), que recolle todas estas actuacións.
Hai uns días, o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, referíase así a estes cambios: “No marco actual de restrición orzamentaria e non reposición de efectivos imposta polas leis estatais e autonómicas, a optimización do persoal administrativo e de servizos da Universidade da Coruña ten como obxectivo prestar un mellor servizo administrativo adaptado ás prioridades estratéxicas actuais; por un lado, fortalecer os sistemas de garantía de calidade das titulacións e, polo outro, axilizar a xestión da investigación”.
a nova unidade, que terá a súa sede no edificio da vicerreitoría de esteiro, integrará as administracións das facultades de enfermaría e podoloxía, ciencias do Traballo, humanidades e documentación e a da escola de deseño industrial
"importante consenso"
Desde a UDC explicouse que o xerente da institución herculina, Juan Manuel Díaz Villoslada, comezou en outubro os contactos con distintos responsables dos servizos, cos decanatos e cos respresentantes sindicais, unha vez valoradas as necesidades de reorganización.
Deste xeito, mantivo encontros tanto coa Xunta de Persoal como co Comité de Empresa, nos que están respresentadas as centrais sindicais CSIF, USO, CIG, CCOO, UGT e CUT, cos que “se acadou un importante consenso e un acordo maioritario nas necesidades de reorganización de efectivos”.
A xuízo da UDC, con estas medidas disporase ademais de maior espazo para atender correctamente ás necesidades docentes dos diversos centros implicados. Segundo valorou o xerente, Juan Manuel Díaz Villoslada, “esta reorganización, que conta cun significativo apoio sindical”, aposta por un modelo unificado de emprego público e das relacións laborais do persoal de adminsitración e servizos, dentro dos obxectivos de estabilidade orzamentaria nun contexto de fortes restricións de financiamento universitario”. n