A Axega destaca o simulador creado polo Leixa e Ferrolterra, “único” en España e Europa

O xerente da Axega asistiu hai uns días á presentación pública do simulador, celebrada no IES Leixa
|

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, asistente ao acto de presentación do simulador de evacuación creado polo IES Leixa e o CIFP Ferrolterra e celebrado hai uns días, felicitou e agradeceu a vinculación e o gran traballo acadado polo alumnado, o profesorado e a dirección dos devanditos centros para levar a cabo o simulador de rescate de vítimas de accidentes de tráfico, “único” en España e Europa. Salientou así mesmo “o valor, calidade e profesionalidade” das ensinanzas e centros educativos de Formación Profesional, polo que deu os seus parabéns aos seus directores –Ana Roel no caso do IES Leixa e Enrique Pazo do CIFP Ferrolterra– e á subdirectora xeral de FP, presentes tamén na xornada de demostración desta ferramenta.
A iniciativa, apoiada pola Xunta a través dos Premios Innova, coincide coa liña de innovación pola que a Axega aposta firmemente como un valor seguro no eido da prevención e da xestión das emerxencias. Araújo indicou tamén que este novo recurso ideado e construído polos centros ferroláns concordan co compromiso da axencia coa formación, a educación e a sensibilización como piares básicos para lograr a eficacia na prevención de riscos. Como xa se informou, o simulador de evacuación, que redundará positivamente na formación práctica do alumnado do IES Leixa, fundamentalmente do matriculado no ciclo de Emerxencias Sanitarias para adultos –tamén se abrirá a entidades relacionadas coas emerxencias–, foi fabricado por docentes e estudantes do CIFP Ferrolterra.

A Axega destaca o simulador creado polo Leixa e Ferrolterra, “único” en España e Europa