Continúa o edil de Cultura, Suso Basterrechea, tratando cos artistas locais cara a cara, neste caso cos adicados ao terreo da música nunha nova asemblea aberta celebrada onte no Centro Torrente Ballester. Entre os anuncios tomados na reunión figura a inminente creación dun catálogo de grupos e de estilos cos que poder contar para facer calquera tipo de programación e ciclo ou enviar información institucional.
O concelleiro tamén quixo coñecer de primeira man as opinións e reflexións dos músicos de Ferrol. O obxectivo final, segundo Basterrechea, é “comezar a traballar a partir do próximo mes de setembro na elaboración de diferentes ciclos e programas estables nos que participen activamente os cantantes, bandas e conxuntos da cidade, a pesar dos limitados recursos que temos”.
De feito, para o mes de setembro o seu departamento convocou unha nova xuntanza na que, cos datos recabados onte e cos que cheguen nos próximos días, se lle poidan anunciar aos artistas as medidas concretas implementadas pola Concellería de Cultura.
Basterrechea destacou, ademais, o apoio aos músicos locais no apartado das festas que comezan a próxima semana, “nas que colaboramos coa concellería que as organiza apostando por bandas e cantantes da cidade como o caso de Carrero Bianco ou Jamie Fifhring”.