Dúas décadas do Oenach Atlántico

Dúas décadas do Oenach Atlántico
O programa foi presentado onte no lugar do Trece, que será escenario da celebración

“Máis vivo que nunca”. Así se atopa, en palabras da alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, o Oenach Atlántico, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario. A cita, declarada de Interese Turístico de Galicia, terá lugar do 27 ao 29 de xullo na zona do Trece, na parroquia de Sedes, convertida eses días nun auténtico poboado celta.
Numerosas actividades convivirán nun programa que dará comezo a noite do venres 27, ás 22.00 horas, co tradicional acendido do lume e co espectáculo “Dolmen”, que será estreado pola compañía do coñecido artista Pablo Méndez, inspirado na mitoloxía celta. A partir das 23.00 horas haberá un festival de música de raíz con Dubidá Trío e Cristian Silva.
A xornada do sábado estará chega de xogos, obradoiros e espectáculos desde as 11.00 horas ata a sesión vermú con Lenda Ártabra. Ás 17.00 horas, será a quenda para a proposta de María Fumaça, con arredor de trinta integrantes que farán gozar ao público coas súas músicas e bailes, fomentando ademais a diversidade. Ás 22.30 horas procederase á Noite no Castro, cunha recreación teatral protagonizada polos veciños e veciñas do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes sobre a vida cotiá nos castros.
O domingo a actividade regresará de novo ás 11.00 horas e continuará durante todo o día. O cuarteto Rinchón, a compañía de títeres Tanxarina, o grupo de teatro local e a formación musical Mayalde animarán a xornada.
Tamén haberá unha zona gastronómica na que se poderán degustar diferentes produtos elaborados con porco celta.
Presentación
Na presentación da festa, a alcaldesa agradeceu o labor dos veciños e veciñas de Sedes “durante todo o ano e os propios días da festa facendo as recreacións que se suceden na campa” e salientou o especial arraigo coa tradición e o mantemento das raíces culturais que potencia o evento.
As concelleiras de Cultura, María del Carmen Espada, e de Turismo, Natalia Hermida, acompañaron á Ferreiro nunha presentación na que tamén estiveron presentes os artistas Cristian Silva e Uxía Senlle, representando esta última a María Fumaça. Ao acto acudiron tamén a tesoureira da AVV Rosa dos Ventos, Sonia Fernández, e tres integrantes do grupo de teatro da parroquia, Fina Castro, Enrique Rodríguez e Fina Montero. l

Dúas décadas do Oenach Atlántico

Te puede interesar