O pósito de Ferrol estuda a posibilidade de presentar un plan de explotación de navalla

Ría de Ferrol
|

A confraría de Ferrol realizou nas últimas semanas unhas mostraxes na zona dos castelos para comezar a estudar a posibilidade de extraer navalla, unha especie que até o de agora non foi explotada dun xeito sistemático.
Ao parecer, a primeira impresión, segundo o biólogo do pósito, Félix Cerqueira, é que podería haber na zona recurso dabondo para presentarlle á Consellería do Medio Rural e do Mar unha proposta concreta no vindeiro plano de explotación, o de 2015, a finais de outubro. Porén, o asistente técnico da confraría sinalou que aínda é cedo para achegar máis datos.
Os testemuños dos máis vellos din que a navalla estivo sempre presente na ría, principalmente nas enseadas interiores, mais se cadra non nas cantidades actuais. Cerqueira apuntou como posíbel causa deste “incremento” á modificación da dinámica das augas da ría por mor da construción do espigón do porto exterior de Caneliñas.
A navalla extraeríase con técnica de mergullo. Segundo o biólogo adoita atoparse a unha profundidade media que oscila entre os cinco e os oito metros.

pouca batea
Por outra parte, a apertura da zona de libre marisqueo do Barco, fronte a Astano, e a peche da zona B das Pías reduciu nas últimas semanas ao mínimo a cantidade de ameixa de zonas C que se envía ás bateas. A semana pasada desde Curuxeiras enviáronse menos de 200 quilos.

O pósito de Ferrol estuda a posibilidade de presentar un plan de explotación de navalla