“O soño de Cortázar foi voltar a esta terra á que se sentíu tan unido”

“O soño de Cortázar foi voltar a esta terra á que se sentíu tan unido”
Diario de Ferrol-2015-01-21-015-08297e4f

Hai uns días remataba o ano do centenario de Julio Cortázar. O autor de “Rayuela” estivo vinculado por numerosas relacións con Galicia, ata o punto de que a súa muller, Aurora Bernárdez, era filla de galegos, e de aquí era tamén o seu editor Francisco Porrúa. Esta vinculación fascina desde hai anos ao escritor Francisco X. Fernández Naval, que vén de publicar o ensaio “O soño galego de Julio Cortázar” (Linteo), que enriquece e amplía un traballo anterior, “Respirar polo idioma” (2006), sobre o mesmo tema. Hoxe, ás 19.00 horas, Fernández Naval presenta este novo traballo na Casa das Palmeiras de Neda. A localidade ten unha grande importancia nesta historia xa que o escritor galego participou en 2003 nas Xornadas de Literatura que organiza a Biblioteca de Neda que trataron sobre Julio Cortázar. E aí prendeu a semente.

¿Qué é exactamente “O soño galego de Julio Cortázar”?
Despois do anterior, “Respirar polo idioma”, apareceu outra información que vinculaba aínda máis a Julio Cortázar con Galicia e os galegos. Datos que non só non contradicían senón que apuntalaban o anterior libro. Este libro recolle todo “Respirar polo idioma”, incluso as novidades que xa figuraban na edición en castelán do libro, máis eses datos tan recentes.

¿En que consiste esa nova información agora incluída?
Está o patrimonio documental que Aurora Bernárdez depositou no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), con imaxes das súas viaxes en 1956 e sobre todo 1957. As fotos están anotadas por Cortázar que incluso as enviaba como postais. Nesta época el descubriu non só o río Miño, os viñedos ou a paisaxe do país, senón a propia literatura galaico portuguesa. Nunha carta a un amigo pintor, Eduardo Jonquières, confésalle que o seu soño sería regresar a Galicia e dedicarse a “pasear, pescar e herborizar como Rousseau”. Logo chamoume Neira Vilas para contarme a súa relación con Cortázar no Bos Aires dos anos 40, cando non era coñecido, e despois en La Habana. Relato que aparece no libro. Figura así mesmo nova información da amizade con Luís Seoane e a entrevista que lle fixera Ramón Chao para Radio Francia Internacional.

¿E da influencia de Julio Cortázar nos creadores galegos?
Esa é a terceira parte do libro, “Presenzas”, porque me parece que define mellor que influencia o que supón o escritor arxentino para os creadores da cultura galega contemporánea. Falo de presenza e non de influenza, por ser aquel un concepto máis amplo e enriquecedor, e digo cultura e non literatura, porque presenza hai na literatura galega, pero tamén no cine, teatro, artes plásticas, mundo editorial, universidade, música (o jazz era unha das súas pasións) ou asociacionismo cultural. Máis de 50 creadores e profesionais de diferentes ámbitos, me axudaron na elaboración deste apartado e a todas e todos quero agradecer a súa disposición e xenerosa colaboración. Pintores como Alfonso Costa ou películas como “Urxa”, tinxidos do seu mundo. Ademais contei coa colaboración de seis escritores e escritoras que me forneceron de relatos de seu inéditos con influencia cortazariana, como Eva Veiga, Miguel Anxo Mato Fondo, Olalla Cociña, Anxos Sumai, Camilo Franco ou Antonio García Teijeiro.

O libro sae nun momento triste. Coincide coa morte hai unhas semanas de Aurora Bernárdez e, case seguido, da do editor Francisco Porrúa.
Si, resulta doloroso e significativo pola perda de semellantes referentes do mundo de Cortázar. Tamén é moi simbólico, non?. El mesmo escribiu en “Los autonautas de la cosmopista” que non cría nas bruxas pero “haberlas hailas”.

Queda algo máis da relación de Cortázar e Galicia?
Seguro. Aí están os diarios de Valente, nos que fala da súa amizade persoal, ou os propios escritos de Aurora Bernárdez, que depararán sorpresas, porque ademais era unha gran creadora. En fin, o tema seguirá dando que falar.

“O soño de Cortázar foi voltar a esta terra á que se sentíu tan unido”

Te puede interesar