O Centro Dramático Galego chega a Narón con “Longa viaxe cara á noite”

Diario de Ferrol-2014-04-25-014-949e1468
|

A xira da nova montaxe do Centro Dramático Galego chega mañá ó Pazo da Cultura de Narón onde, desde as oito da tarde (entradas a 9,50 euros), poderase gozar cun dos grandes textos do teatro contemporáneo: “Longa viaxe cara á noite”, do dramaturgo norteamericano Eugene O’Neill. Luisa Merelas, Gonzalo Uriarte, Alberto Rolán e Marcos Viéitez interpretan á familia Tyrone, trasunto da do propio escritor, en papeis que ó longo da historia encarnaron xente como William Hurt, Kevin Spacey, Vanessa Redgrave, Jessica Lange ou Katharine Hepburn.
O CDG escolle este texto do Nobel O’Neill, co que gañou de xeito póstumo o seu cuarto Pulitzer, para adentrarse por primeira vez na dramaturxia norteamericana, gran debedora do traballo deste autor. “Narra a crónica dun só día na vida dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións e os vicios: James, un actor de éxito e fortuna, que pasou a vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción imposible de desarraigar; Jamie, o fillo maior e alcohólico; e Edmund, o alter ego de O’Neill, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose”, resumen desde o Centro Dramático.
Manuel Guede Oliva dirixe un elenco que traballou con intensidade os matices de “personaxes poliédricos, que teñen moitas direccións, que son antagónicos en si”, apunta Alberto Rolán, que interpreta ó vitalista, romántico, culto e viaxado Edmund. “Por iso é unha peza de carácter universal, unha das xoias do teatro contemporáneo”.
“O meu personaxe é o de Mary, unha muller incapaz de xestionar a súa vida. É dependente tanto economica como emocionalmente da súa familia. Está moi perdida. Ademais ten unha adicción á morfina, un problema que causa verdadeiros estragos”, explica Luisa Merelas.
Marcos Viéitez é Jamie, “un fracasado na súa vida persoal e profesional, con problemas tanto adictivos como de relación co seu pai, co seu irmán e coa súa nai”.
Completa o reparto Gonzalo Uriarte, no papel de James, “un vello actor xa no final da súa carreira que ó longo da súa vida pasou por vicisitudes e penurias económicas grandes que dalgunha maneira conforman o seu carácter tacaño e agarrado. Paréceme que é un personaxe complexo, cunha grande riqueza de matices”.

O Centro Dramático Galego chega a Narón con “Longa viaxe cara á noite”