The Heellbuckers e Mad Martin Trío abren a cita máis psicodélica do Felipop

The Heellbuckers e Mad Martin Trío abren a cita máis psicodélica do Felipop
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-fea3e746_1

Unha edición máis, e con esta van dezaoito, alleo a modas e crises no mundo dos festivais de pop galegos, regresa o Felipop  de Limodre (Fene) coa súa carga de atemporalidade e un cartel que como adoita mestura o clásico, o contemporáneo e as homenaxes ao longo de tres días de pop e rock. Hoxe comeza a primeira xornada de ás 22.00 horas cun concerto aberto no que soará o soul dos coruñeses The Hellbuckers, coa poderosa voz de Carla de Figueredo. Continuará o swing e rockabilly potente de Mad Martin Trío, chegado desde Santiago de Compostela. Se o carácter de balde de hoxe non abondara, a organización convida a unha gran mexillonada anticrise, ou sexa, “gratuíta”, para os seareiros do mellor pop.
O cartel deste ano da cita organizada pola asociación cultural Felicia no parque da Hortiña está encabezado por unha das grandes bandas inglesas dos anos 60, The Pretty Things. O grupo de Phil May está considerado o responsable da primeira ópera rock da historia, “S F Sorrow” (1698), e ten entre as súas filas ao virtuoso guitarrista Dick Taylor, para a historia o primeiro baixista dos Rolling Stones. Psicodelia, blues e un sinfín de estilos manteñen viva a esta lenda. Con eles a cabeza de cartel é o grupo zaragozano Tachenko, pop independente á percura da melodía perfecta, grandes instrumentistas que teñen acompañado a artistas internacionais como Micah P. Hinson, mellorando as súas prestacións. Canda eles unha nómina de bandas de máis éxito crítico que comercial acompañan nun cartel no que conviven diversos estilos, aínda que este ano prima o rock psicodélico, sobre todo no programa do sábado. 
Trala actuación de hoxe, mañá desde Vigo abre Camarada Nimoy co seu swing, surf e jazz, seguindo co folk, pop e psicodelia luminosa dos madrileños Jysus. E tras Tachenko rematarán a xornada The Limboos, divertido rock clásico dos 50 con moito swing.

sesión vermú aberta 
O sábado na popular sesión vermú do festival actuará a banda coruñesa Escuchando Elefantes. A xornada de noite comezará cos composteláns Puma Pumku coa súa neopsicodelia lánguida. Tamén psicodélicos, pero cun son máis intenso, son Fogbound (A Coruña), militantes sixties máis creativos que imitadores. Desde León chegan Los Platillos Volantes, a banda perfecta para os amantes do  pop español dos 60. E xa, The Pretty Things, porá o cumio á xornada e ao festival. 
Os concertos comezarán a partir das 22.00 horas, con entrada para todo o festival de 20 euros (o xoves é de balde). 
Como sempre haberá acampada gratuíta. Tralos concertos, a festa continúa a través da madrugada con sesións de reputados pinchadiscos (a asociación cultural Felicia refuga o término DJ) entre as que están nomes como Masito, Niño César, Muchacho, Felicio ou Mr.Klin, entre outras figuras.

The Heellbuckers e Mad Martin Trío abren a cita máis psicodélica do Felipop

Te puede interesar