O Ateneo Ferrolán organiza a III edición da Mostra de Documentais en Galego

|

O Ateneo Ferrolán volve apostar polo audiovisual na organización das súas actividades culturais. Así, a entidade que preside Ramón Veloso organiza para o día 21 de marzo de 2013 a III Mostra de Documentais en Galego, unha cita que naceu no ano 2011 como plataforma para impulsar e difundir os documentais feitos no idioma propio de Galicia.

A entidade fai un chamamento “a todas as persoas que queiran participar nesta mostra, nos acheguen os seus traballos en formato DVD, acompañado dunha ficha cumprimentada cos datos do documental”.

 

traxectoria audiovisual

Ao longo de case catro décadas de actividade, o Ateneo Ferrolán caracterizouse pola súa relación co sector audiovisual. Así, desde 1975 foi sede da Asociación Ferrolá de Cineclubs. Ao ano seguinte comezaron a proxectarse semanalmente ciclos de cine. Nos seguintes anos a entidade foi editora e produtora de documentais como “As árbores”, de María Xosé Leira e de “Ferrol, historia dunha terra”, de Guillermo Llorca Freire.

En maio de 1998 o Ateneo organizou a Bienal de Vídeo “Paso da Raia”, de ámbito galego e portugués. Desde o ano 2001 organízanse as Xornadas de Curtametraxes, e desde 2007 a entidade forma parte de Redestreas, programa da Axencia Audiovisual Galega.

Máis recentemente, en 2011, o Ateneo comezou unha nova andaina coa Mostra de Documentais en Galego, que agora anuncia a súa terceira edición, mentres que o ciclo “Martes de cine”, en funcinamento na actualidade, forma parte cada trimestre da súa programación.

 

O Ateneo Ferrolán organiza a III edición da Mostra de Documentais en Galego