Narón invertirá 40.000 euros nun espazo lúdico no paseo de Xuvia

Diario de Ferrol-2019-04-28-016-5eb64fac
|

O Concello naronés informa que a vindeira semana comezarán no paseo marítimo de Xuvia as obras dunha nova pista multideportiva, a terceira da cidade tralas que están xa operativas nas zonas do Alto do Castiñeiro e A Gándara. Segundo explican desde o goberno local, estes traballos, complementaranse con dúas zonas delimitadas con area que ofrecerán dous novidosos xogos para o tempo de lecer na zona, próxima ao parque infantil e biosaudable do paseo de Xuvia. En conxunto, o investimento que se empregará para ampliar a oferta de lecer neste paseo da cidade, ascende a uns 40.000 euros, tal e como apuntou a alcaldesa, Marián Ferreiro.
A nova pista multideporte de Xuvia terá as mesmas características que as que xa están operativas no Alto e A Gándara. As instalacións terán unhas dimensións de 20x10 metros, e estarán dotadas con dúas porterías grandes e catro de menor tamaño, dúas canastras e dous postes centrais nos que se poderá colocar unha rede para practicar deportes como o tenis, ou voleibol. En total, nestes equipamentos poden practicarse ata oito modalidades deportivas diferentes ao aire libre, como poñen de manifesto desde o consistorio.
A maiores, nesa zona do paseo instalarase un novo xogo infantil, unha escavadora que se localizará sobre unha superficie delimitada con area no seu interior. Trátase dun xogo recomendado para nenas e nenos maiores de 3 anos que consta dunha escavadora realizada en tubos de aceiro inoxidable e cun asento e mangos de goma. A escavadora pode realizar xiros de 360º e tanto o brazo como a pala poden moverse.
O segundo dos elementos, novidoso tamén na cidade, é coñecido como “peke”, dirixido tamén a nenos maoires de 3 anos e para un máximo de oito usuarios ao mesmo tempo. Trátase dunha proposta interactiva e inclusiva na que os menores terán que ir cargando uns cubos con area e dirixíndoos (tirando de cadeas ou empuxándoos) cara diferentes fases do xogo ata chegar ao punto final onde deben depositar nuns recipientes a area que logren trasladar da recollida inicial.
A pista multideporte e os dous xogos con area veñen completar a variedade de elementos dispostos no paseo marítimo de Xuvia, que conta tamén cun parque infantil, outro biosaudable, un denominado “Circuíto Vita”, e unha tirolina duns vinte metros para nenos de 4 a 12 anos. “A próxima posta en servizo da pista e os xogos de area, ofrecerán á veciñanza de Narón e doutros concellos novas propostas deportivas e de lecer dirixidas a persoas de diferentes idades”, destacou a rexedora Marián Ferreiro.

Narón invertirá 40.000 euros nun espazo lúdico no paseo de Xuvia