O día que seu tío Alfonso morreu, Xiao Berlai tivo a necesidade, logo de regresar á casa do tanatorio, de componerlle unha canción. Aquela letra ficou por un tempo no caixón, mais non para sempre. A ela seguíronlle novas composicións, todas coa historia real do seu familiar como fío condutor. “Unha historia dun home solitario que preferiu vivir e morrer só poque non lle deixaron vivir como el quería. É a historia dun ser ausente, que viviu recordando, agardando…Un home que viviu nun Far West chamado Galicia. E por un amor imposible, converteu a súa casa nunha reserva india”.
Unha historia plasmada nun disco-libro no que a música e a poesía van acompañadas das ilustracións de Ernesto G. Torterolo, autor do cómic de case cen páxinas que forma parte de “Desconhecido”, o primeiro disco en solitario do músico compostelán que durante anos formou parte do grupo galego de folk Fía na Roca.
Esta noite, Xiao Berlai, acompañado da súa banda e de Torterolo, que debuxará tamén en directo, achegarán o seu espectáculo ao público ferrolán no concerto que a partir das 22 horas ofrecerán na Fundaçom Artábria, en Esteiro –as entradas custan cinco euros–.
Finalista nos Martín Códax
Será unha excelente oportunidade para gozar dun proxecto baseado nunha “música sen complexos” que bebe directamente da tradición galega, do indie-pop, do rock e mesmo da música electrónica. Publicado en novembro do pasado ano, “Desconhecido” permitiulle a Berlai colocarse en abril entre os finalistas dos Premios Martín Códax da música galega. Sen dúbida, una excelente estrea en solitario. “A verdade é que estou moi contento, porque supón un recoñecemento ao traballo feito con sinceridade e con amor”, comenta o músico e profesor. Para financiar este proxecto optou pola plataforma de crowdfunding Verkami. “Foi unha experiencia bonita. Ao principio dubidas moito, pero ao final lanzámonos por esta fórmula e saiu fenomenalmente. Ademais da xente coñecida, houbo unha forte aportación de xente que non coñeciamos de nada, incluso de Bruxelas, Portugal e doutras comunidades”.
As cancións, os debuxos e os poemas dialogan entre eles a través dun fío narrativo que achega ao espectador á historia deste home “desconhecido”. Un home ao que hoxe poñerá voz Xiao Berlai nun concerto no que estará coa súa banda –Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados)– e co debuxante Ernesto G. Torterolo, que irá facendo unha especie de álbum ilustrado das cancións interpretadas.