A figura do Apalpador chegará un Nadal máis á cidade ferrolá da man da Fundaçom Artábria

|

É unha das figuras tradicionais do Nadal galego e por iso, desde hai anos, a Fundaçon Artábria traballa para achegar este mítimo personaxe á sociedade en xeral e aos nenos en particular.
Este ano, por primeira vez, o colectivo, con sede en Esteiro, conta co apoio do Concello de Ferrol, a través da área de Cultura, para o desenvolvemento das propostas relacionadas coas xa inminentes datas festivas. Unha delas ten que ver coa convocatoria da cuarta edición do certame escolar “Coñecendo ao Apalpador” que cada ano vai espertando maior interese, tendo en conta os datos de participación. Os destinatarios son os alumnos de entre 3 e 12 anos, divididos en tres categorías –de 3 a 5; de 6 a 8; e de 9 a 12–, que poderán presentar un deseño orixinal, con calquera material ou técnica, relativo á figura do singular xigante carboeiro que no Nadal visitaba ás aldeas para lles deixar castañas aos nenos. O prazo para presentar os traballos rematará o 23 de decembro. Terán que ser enviados ao enderezo Fundaçom Artábria, Travessa de Batalhons, número 7, baixo, Ferrol. O apoio do goberno local permitirá este ano dar un salto cualitativo nos premios –que serán entregados o día 2 de xaneiro no centro social dos organizadores– así como na difusión das actividades.

ruada
O programa incluirá ademais unha “ruada” do propio Apalpador, prevista para o 20 de decembro. Sairá da sede de Artábria para realizar un percorrido polos barrios de Esteiro e A Magdalena, ao longo do cal saudará e repartirá caramelos entre os que queiran velo.

A figura do Apalpador chegará un Nadal máis á cidade ferrolá da man da Fundaçom Artábria