“A Lomce retrotráenos a un sistema educativo segregador, que mira pouco pola diversidade”

Conferencia en la CIG sobre Educacion
|

José Ramos regresou onte á cidade naval, na que durante máis dunha década desenvolveu a súa tarefa como director do Centro de Formación e Recursos (CFR), para participar na terceira xornada dos XXIII Encontros Pedagóxicos de Ferrolterra organizados pola CIG-Ensino e a Asociación Sociopedagóxica Galega e que se prolongarán ata o venres no local do sindicato. Ao mestre e pedagogo, actualmente orientador no IES Alfonso X de Cambre e profesor asociado da Universidade da Coruña, tocoulle falar dunha cuestión de plena actualidade: a Lomce (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa), implantada este curso.

Como definiría vostede a lei?
Unha lei retrógrada, que nos retrotrae a un sistema educativo que estaba superado, segregador, que mira pouco pola diversidade e que basicamene se quere adaptar non tanto ás necesidades do mercado laboral senón ás esixencias do mundo empresarial. Me parece nefasta. Todo o traballo que levou tanto tempo  para chegar a un nivel máis ou menos homologable aos países que tiñamos no contorno, agora damos un paso atrás grande.

¿Cales son, ao seu xuízo, os aspectos máis negativos?
A primeira cuestión é que non garante un currículo igual para todos os cidadáns; intenta e consigue que se diversifique o currículo para algun tipo de rapaces que teñen unha procedencia socioeconómica peor, que van ser os máis afectados, como así o indican os datos sociolóxicos. E isto o fan a través de itinerarios de diversificación que empezan xa practicamente despois de 1º da ESO. En lugar de poñer apoios o que se fai é diversificar, separar. O sistema anterior o que facía era apoiar, agora cando hai dificultades se separa. Pero si por algo vai ser recordada a lei será polas avaliacións externas, as reválidas.

¿En que sentido perxudicarán estas probas?
As reválidas constitúen un conxunto de obstáculos que se lle van poñendo aos rapaces para facilitar precisamente esa segregación. E vai haber dous tipos de probas, unhas aparentemente sen efectos académicos, que son as que se desenvolverán en Primaria, pero que si van ter efectos emocionais e tamén de autoconcepto. Os rapaces van ser sinalados, vai haber un efecto de sinalización.

¿E en Secundaria?
Xa en Secundaria os efectos das avaliacións son claramente segregadores, en ESO non terán o título sen non superan a reválida. Xa por definición haberá dous tipos de ESO, algo que parece contraditorio xa que se hai unha ESO obrigatoria para todos debería ser que todos os cidadáns tiveran unha formacións similar, e xa hai dous tipos, unha máis académica, máis orientada para ir o Bacharelato; e outra máis orientada á FP.

Tamén haberá avaliación externa para conseguir o título de Bacharelato.
Si, e esta reválida suporá que por primeira vez un centro educativo público, como son os institutos, non titulen aos seus alumnnos directamente, senón que dependen dunha proba externa. Incluso no franquismo, cando tamén se facían nos centros públicos, as reválidas podían ter algún tipo de explicación porque o sistema público era moi débil, había moi pouco entramado no sistema público, apenas había institutos nas comarcas, e entón todo se facía en clase particulares, academias, señores que preparaban... non había un tecido educativo consistente. E entón era necesario comprobar que había un estándar de coñecemento nos rapaces. Agora esta situación é absolutamente distinta, a intención non é poñer un estándar de coñecementos, senón que é poñer obstáculos e segregar, non pode haber outro tipo de intención.

Outra das novidades que trae este curso a Lomce é a implantación da nova FP Básica. Que opinión lle merece esta nova modalidade que substitúe aos PCPI?
Non é que sexa moito peor que os PCPI, pero é peor. Non se pode dicir que proporciona máis beneficios e mellores saídas para o alumnado.

Parte da comunidade educativa criticou a demora coa que a Consellería de Educación publicou as ordes e decretos para a implantación da Lomce, en agosto e mesmo en setembro.
Está claro que hai un interese político en precipitar as cousas, non vaia ser que se perdan as seguintes eleccións, que xa son en 2015, e por un interés político e partidario de adoptar decisións que teñen unha repercusión educativa.

Baixo o seu punto de vista, ten a Lomce algo positivo?
Todas as leis poden ter algunha cousa positiva, pero agora mesmo non vexo nada positivo. A única cuestión favorable foi algunha de redacción do preámbulo, que cambiaron, porque o primeiro era demoledor, pero non é máis que un preámbulo, que non dicta norma. Aínda está moi apegada a idea de que un sistema educativo eficaz é aquel que vai poñendo dificultades e obstáculos segundo vai incrementado a idade dos alumnos, e este non é o espírito do que debe ser un sistema educativo. n

“A Lomce retrotráenos a un sistema educativo segregador, que mira pouco pola diversidade”