O certame de poesía Díaz Jácome adícase ao seu finado fillo Juan Ramón

Os premios literarios mindonienses adicados ao ilustre conveciño, o escritor e xornalista José Díaz Jácome –distinguido coa Medalla Castelo pola Xunta en 1996–, adicáronse onte a lembrar o seu recén finado fillo, Juan Ramón Díaz, principal impulsor dos galardóns, que apostan polos novos talentos poéticos. 

Na décimo sexta edición do certame, tres rapaces –o ferrolán Mateo Buján, de 18 anos; Antía Juncal, de 21, e de Bueu; e o nigranés Raúl Costas, de 28– foron, por esta orde, os tres primeiros clasificados no concurso de poesía. Estivo presente tamén o secretario de Política Lingüística, Valentín García Gómez. 

A lembranza polo finado fillo de Díaz Jácome tinguiu unha xornada durante a cal os presentes estaban “envoltos no sentimento, no sudario da súa ausencia”, tal e como o expresou o expresidente da Real Academia da Lingua Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro. O historiador rememorou que había 16 anos que o aludido lle conminara a presentar os galardóns, aos que non faltou nin unha soa vez. 

Pero agora, “non debe mandar o barco o mariñeiro, cando o patrón xa está noutros mares, baixo outros ceos”. Por iso, anunciou que xa non estará máis presente entre os organizadores, no estrado, senón entre os asistentes, coma un amigo e veciño máis de Mondoñedo, onde residira dous anos. Na súa emotiva despedida, Barreiro pediu desculpas por se alguén se sentira ofendido polos seus descursos nestes 16 anos e agradecéulle ao exdeán da Catedral de Santiago, José María Díaz, presente no evento, que arrancara os aplausos do público porque “a Igrexa sempre foi capaz de perdoar”, apostillou.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, pedíulle que non deixara a bancada da organización destes premios, nos que “nunca ofendeu a ninguén coas súas sempre respectuosas opinións”. 

Os premios Díaz Jácome contan sobre todo co apoio do Concello e da Deputación Provincial de Lugo. O seu vicepresidente, o nacionalista Antonio Veiga, destacou que este tipo de actos, nos que se unen políticos de distinto signo, fan precisamente que se “humanice a actividade política; os políticos tamén temos sentimentos e ese sentimento quero trasladárllo á familia de Juan Ramón Díaz”.

Xunto o deputado popular no Parlamento, o mariñán Xosé Manuel Balseiro, estivo o secretario de Política Lingüística, Valentín García, quen cre que a historia de Galicia sería moi distinta sen Mondoñedo, “sen o mariscal Pardo de Cela, Pascual Veiga ou sen Cunqueiro”. O importante para el é que os premiados van proclamar aló onde vaian que “temos unha cultura centenaria, unha lingua propia e unha riqueza cultural inmensa. E con eles levarán ao poeta Díaz Jácome e o escudo” mindoniense.

O crítico literario Armando Requeixo lembrou que José Díaz Jácome fora un incansable promotor dos talentos literarios e laiouse de non ter “con nós o noso capitán do barco”, o seu finado fillo Juan Ramón, do que si queda, dixo, “o seu exemplo, a súa bonhomía”. Un 19 de decembro de hai 51 anos “el díxolle a Mariela que era ela a súa luminaria de por vida. O amor aínda é posible”, manifestou.

O certame de poesía Díaz Jácome adícase ao seu finado fillo Juan Ramón

Te puede interesar