lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

“Na música galega hai nivel e risco, o malo é que a visibilidade non sempre acompaña”

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-e679038c

Onte publicouse un dos traballos discográficos máis agardados da temporada, “Lúas de outubro e agosto” (Fol Records), a segunda obra en solitario da cedeiresa Guadi Galego. As excelentes críticas e as visitas ao vídeo “Matriarcas” (case 40.000 en apenas dúas semanas), así como un cambio musical moi notable, augura que este pode ser o gran momento dunha artista que deixou a súa pegada en formacións como Berrogüetto, Nordestinas, Espido e aCadaCanto, e un primeiro disco en solitario, “Benzón”. Un camiño propio feito con paso firme no que conxuga risco e madurez. Cancións como “Mergullei”, “Chea de vida” ou “Aromas de terra” poden axudala a unha xusta visibilidade fóra do ámbito de Galicia.  

“Lúas de outubro e agosto” é o título deste novo disco. A que se refire?
Dinlle moitas voltas ao nome do disco, para que encaixara o mellor posible coa temática, pero ningún me gustaba. Así ata que se me ocurriu lembrar as noites en que naceron os meus dous fillos, dunha lúa chea luminosa, e souben que o tiña.

A temática é unha reivindiación da muller, dunha visión feminista e matriarcal da sociedade.
É un canto á liberdade e ao amor, ás dificultades que temos as mulleres de conciliar as nosas vidas. Tamén esta ese espazo de afectos e sentimentos transmitidos polas nais, as avoas... todo isto nunha sociedade como a galega, tan matriarcal, con esas mulleres que traballaban na terra, no mar, que atendían á casa e aos fillos e sostiñan a economía. Son todo un símbolo para min.

En canto ao disco, resulta curioso que o produtor sexa andaluz.
Pachi Alis é un mago. Aínda que el é andaluz e ten o seu estudio en Baeza (Xaén) o que me intersaba é que é un produtor de música pop.

Falemos diso, un son que vai sorprender a quen coñeza a súa traxectoria en solitario e noutras formacións.
Eu quería un son base de banda, e Pachi foi o capaz de conseguilo cun pop sofisticado. Cando falamos de pop temos moitos terreos, o máis accesible e comercial ou aquel que trata de buscar unha calidade. Todo pode facerse ben ou mal, neste caso falamos de pop de autor, cunha produción moi elaborada na mesa de mesturas.

Nota a expectación xerada por este disco? En Youtube leva xa case 40.000 visitas o vídeo de “Matriarcas”.
Os comentarios están a ser moi bos e estou moi contenta, sobre todo porque fixemos un traballo cheo de riscos e, sinceramente, penso que con acerto.

Cre que o risco é un elemento polo que non sempre se aposta na música galega?
Creo que si hai risco, artistas e proxectos que proban cousas novas, o malo é que a súa visibilidade non sempre acompaña. Pero aquí temos un nivel moi bo.

Lembrando os seus comezos, pensaba que ía ter unha carreira musical e formaría parte dos proxectos que a implicaron nestes anos?
Nunca, a vida vaiche poñendo onde quere. Eu comecei no Conservatorio de Ferrol co piano e na asociación Robaleira de Cedeira coa gaita. Cada un fai as súas apostas nesta vida e eu lembro que daquela había compañeiros con moitísimo talento que preferiron adicarse a outras cousas. No meu caso, deixeime ir e aquí estou agora.

Que proxectos van xirar ao redor de “Lúas de outubro e agosto”?
Presentámolo o próximo día 6 de no Culturgal de Pontevedra e xa, no mes de marzo, poñeremos a andar a xira con banda.

Este é o seu mellor disco?
É o que quixen facer e estou feliz con el. Pero os outros tamén eran os dicos que quería facer en cada momento, os que me pedía ese momento que estaba a vivir e estou contenta con todos eles.

Alternará cos outros proxectos como aCadacanto ou Espido? Se non coincide, claro que si.   

Non sente que o feito de cantar en galego fai que os medios a ninguneen, sobre todo con discos deste nivel?
Cantes no que cantes sempre haberá alguén que te escoite en calquera parte do mundo. A min interésame a nosa cultura, a nosa identidade e desde logo como artista trato de non poñerme barreiras de ningún tipo.

“Na música galega hai nivel e risco, o malo é que a visibilidade non sempre acompaña”

Te puede interesar