Mofa & Befa: “Faise necesaria a creación dun Ministerio da Felicidade”

víctor mosqueira e evaristo calvo, ao fondo, durante a tertulia celebrada onte en ferrol jorge meis
|

A Asociación de Amigos do Teatro Jofre convidou na tarde de onte a Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) a facer unha tertulia en Ferrol con motivo da presentación no Jofre do seu novo espectáculo “Románticos”. Máis de 2.500 espectadores en só oito funcións en Santiago e A Coruña falan da excelente resposta do público, un idilio permanente co seu humor como salienta Evaristo Calvo.

 

Nestes tempos duros para a escena galega os seus espectáculo parecen ser unha aposta segura.

Estamos moi contentos coa traxectoria que comezou hai xa 20 anos cando creamos Mofa e Befa. Sentímonos queridos polo público e vivimos nun estado de agradecemento permanente.

 

Que é “Románticos”?.

Para nós hai unha confusión entre o termo romántico, sinónimo de cursilería, sensiblería e mexericada, e o movemento cultural e intelectual nacido a finais do século XVIII, un sentimento e unha filosofía moi fondas. O primeiro deu artistas deturpadores do romanticismo tipo Dani Daniel ou Sergio Dalma, mentres que segundo temos a Lord Byron, Shelley, Poe ou a nosa Rosalía.

 

Buscan redefinir o termo?

O noso obxectivo sempre é o mesmo, divertir á xente, facerlle unha tarde agradable, que bote unhas risas e sacarlle trascendencia aos temas.

 

A forma importa. Seguirán o mesmo esquema que en “Shakespeare para ignorantes”?

Claro, este é un espectáculo mellizo porque non nos sustraemos ao vicio de seren didácticos, é unha marca da casa. En “Románticos” hai un poñente erudito (Quico Cadaval) que explica os conceptos e un par de cómicos que exemplifican con despropósito as leccións do mestre.

 

O público pásao moi ben vendo o que fan. Vostedes gozan ao crear as súas obras?

Hai días que te divirtes e outros non tanto, igual que en cada profesión. Pero co que non hai dúbida e coa maxia de presentar algo diante do público e que funcione. O noso é un traballo que paga a pena por iso, sentímonos ben facéndoo e que a xente o pase ben. O público sempre é o destinatario de todo o que facemos.

 

A crise na escena galega semella que non os está a afectar como a outras compañías?

Nós temos o privilexio de levar vinte anos e tratamos de non traizoar a confianza do público, que asimile o que facemos. A caída da actividade é notable, e hai que reivindicar diante da Administración o que toque, pero como profesionais temos que traballar, agarrar as cousas polo peito e analizar se hai algo que mellorar.

 

E o papel da Administración?

O malo da Administración é que di que non ten cartos, pero se os ten e non os dá, estamos nas mesmas. Nós temos que mirar para o público porque en Galicia segue habendo xente disposta a pagar unha entrada para ver un espectáculo. O que é certo é que desde 2009 cada ano está a ser peor que o anterior, e todos debemos aportar as nosas solucións. Creo que a política debería tratar de buscar a felicidade dos cidadáns. Debería existir un Ministerio da Felicidade adicado á cultura, á sanidade e a educación como pilares.

 

Sairán de Galicia con “Románticos”?

Estamos dispostos. Fixémolo con “Shakespeare” e funcionou moi ben alí onde nos chamaron.

 

Que outros proxectos teñen para 2013?

Como Producións Excéntricas imos recuperar a obra que xa fixera O Moucho Clerc nos 80, “Da Vinci levaba razón”, de Roland Topor. Un vodevil escatolóxico de moita actualidade.

 

Mofa & Befa: “Faise necesaria a creación dun Ministerio da Felicidade”