Narón licita en máis de 30 millóns o servizo de limpeza e recollida de sólidos urbanos

Narón licita en máis de 30 millóns o servizo de limpeza e recollida de sólidos urbanos
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-f50c1738

O Concello naronés licitará en 30,3 millóns de euros o contrato de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) así como  a limpeza viaria para os vindeiros dez anos. Así o anunciou onte a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que deu a coñecer as características do plego de licitación xunto co edil de Servizos, Ibán Santalla. A rexedora subliñou que no novo contrato se inclúen varias melloras con respecto ao servizo que se presta hoxe. Entre elas explicou que se engadirá a limpeza viaria dos polígonos industriais da Gándara, As Lagoas e Río do Pozo,  onde ata o de agora faise esta tarefa de xeito puntual.

“Consideramos que o actual contrato e bo pero hai algúns apartados que se poden mellorar e nos que queríamos actuar, como os polígonos industriais, os puntos limpos de proximidade e os desbroces na zona rural”, apuntou a rexedora.


O importe máximo anual deste contrato será de 3.036.923 euros, unha contía coa que se recollerán os residuos municipais, se trasladarán á planta de transferencia ou o xestor autorizado e se limparán e desbrozarán vías urbanas, semiurbanas, rurais e os polígonos industriais. Outro dos puntos recollidos no novo contrato, apuntou a alcaldesa, é a subrogación dos postos de traballo actuais “co que se manterá o persoal que está realizando actualmente este servizo na compañía que finalmente resulte adxudicataria do novo contrato”. Ferreiro indicou que o plego está dispoñible na plataforma Narón Participa e que se poden presentar actualmente propostas de mellora. 


Pola súa banda o edil de Servizos asegurou que o sistema de recollida pasará a ser de carga lateral, operando desde a cabina dos camións e manténdose unicamente a carga traseira para as zonas onde a recollida se fai mediante un acceso máis complicado. Ese cambio a carga lateral implicará, tal e como explicou Santalla, “a renovación da contenerización no termo municipal, substituíndo os actuais contenedores de carga traseira e superior. Os de 360 litros cambiaranse por outros cunha capacidade de 3.200 litros nos polígonos industriais e nos centros comerciais e zonas donde se localicen varios establecementos a capacidade será de 1.800 litros”. Un dos obxectivos é “evitar desbordamentos”, o que se acadará tamén incrementando as frecuencias de recollida. Santalla recalcou que a empresa concesionaria disporá dun prazo de 48 horas para que no caso de que se detecte algún desbordamento nos contenedores, se solvente a situación nese período.


Así mesmo, Ferreiro incidiu no feito de que se eliminarán os contenedores soterrados localizados nas inmediacións da Biblioteca municipal, e nos barrios da Gándara, A Solaina, Piñeiros e Xuvia. “Estas isletas pasarán a ter un novo uso como puntos limpos de proximidade, co que os veciños poderán depositar nas mesmas calzado e roupa usados, pilas, baterías ou bombillas, entre outros”, explicou. Ademáis, nos dous primeiros anos a empresa terá que implantar tamén a recollida de orgánicos, apuntou Ferreiro.
No caso da zona rural tamén se contemplan melloras importantes en canto aos desbroces. Por exemplo, a empresa adxudicataria terá que dispoñer de tres tractores máis para realizar estas tarefas, co que dos dous que actualmente as executan, retirarase o máis vello e quedarán operativos catro. “Esta medida permitiranos realizar o doble de desbroces ao ano”, destacou Santalla.

No concurso tamén se valorarán, entre outros, que as empresas inclúan unha barredora de baixo nivel de ruído, entre outros aspectos.

Narón licita en máis de 30 millóns o servizo de limpeza e recollida de sólidos urbanos

Te puede interesar