Ferrol Vello comeza as festas con embarcacións tradicionais

imaxe dun dos barcos que participou na concentración do ano pasado jorge meis
|

Ferrol Vello estará en festas esta fin de semana porque, como escriben no propio cartel, “tamén estamos pa festas”. A primeira das actividades será o encontro de embarcacións tradicionais, unha cita que cada ano, desde hai máis de vinte, levan adiante desde a sección de vela tradicional do Club do Mar. Haberá saídas para percorrer a ría mañá e trade (ás 12.00 e ás 17.30 horas). Veleiros chegados desde distintos puntos da ría ferrolá e doutros puntos de Galicia participarán nesta xuntanza, que ten como premio para o gañador un xamón, coa condición de que se reparta alí mesmo, compartindo a festa con tódolos participantes, e que só poida levar para a casa o óso.
Xa en terra, o sábado, desde as seis da tarde, haberá xogos populares, cunha cucaña como un dos principais atractivos.
A música tomará o relevo ás oito, coa actuación do grupo Alén de Ancos na carpa que se instala no porto e tamén coa música da rondalla Sonidos del Alba, que presentará o seu repertorio na sala de exposicións da Autoridade Portuaria.
A Parrocheira terá tamén o seu apartado gastronómico, cunha churrascada a prezos populares que se comezará a servir no porto ás 20.30 horas. E para animar a festa ata a madrugada, ás once botará a andar un concerto do grupo ferrolán Padel Rock, que vén de pór a música no musical dos 80 no que participaron figuras desa época co que se inauguraron as festas de Ferrol.

nenos
O intenso programa de actividades do sábado dará paso a un domingo no que tamén haberá propostas para acompañar ó aspecto máis tradicional das festas, coa misa no Socorro e a procesión marítima.
Os nenos gozarán cunha festa infantil a partir das cinco da tarde, que incluirá música, inchables e tamén un canón de escuma. A misa solemne está prevista para as seis da tarde. Sairá despois a Virxe en desfile pola ría e, de volta no seu santuario, actuará o Toxos e Froles, coro que adoita participar nesta celebración no barrio.
A cea na carpa contará cunha cata de viños a partir das nove e coa música dos Xotas.

Ferrol Vello comeza as festas con embarcacións tradicionais