O concerto de Leilía abre mañá no recinto do Trece o XVIII Oenach Atlántico de Sedes

O concerto de Leilía abre mañá no recinto do Trece o XVIII Oenach Atlántico de Sedes
A festa castrexa prolongarase ata o domingo no recinto feiral do Trece daniel alexandre

En Sedes xa está todo listo para celebrar un dos principais acontecementos do ano nesta parroquia naronesa: o Oenach Atlántico, declarada Festa de Interese Turístico de Galica e que chega á súa décimo oitava edición. A cita, impulsada pola Asociación de Veciños Rosa dos Ventos xunto ao Padroado da Cultura e a concellería de Turismo, ten como finalidade a recreación e divulgación patrimonial en torno á cultura castrexa. Faráo ademais a través de variadas propostas, entre as que estarán moi presentes a música, o teatro, a artesanía e o deporte.
O recinto feiral do Trece, convertido nunha auténtica aldea castrexa, será o epicentro das actividades que darán comezo mañá venres, a partir das 21.00 horas, coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial nas pallozas construídas na zona.
O prendido do lume e a lectura dun texto darán por inaugurada unha edición que neste primeira xornada ofrecerá a actuación do grupo de cantareiras e pandereteiras galegas Leilía. Será ás 22.00 horas con entrada totalmente gratuíta. A formación interpretará temas do seu traballo CONsentimento, unha homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega.

sábado
A actividade continuará o sábado, a partir das 11.00 horas, coa apertura da Campa Castrexa, un mercadillo artesán no que haberá uns trinta postos con variados produtos, unha mostra de artesanía de Luthieres a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos, así como exhibicións e obradoiros didácticos sobre construción de vivenda, tecido ou cociñado castrexo e mesmo un photocall.
Os visitantes terán tamén a oportunidade de participar nunha gran variedade de xogos tradicionais nunha zona habilitada para tal fin e dirixida tanto aos cativos como aos adultos.
Ás 14.00 horas comezará o Oenach Gastronómico, cunha zona propia de comidas con grellados, forneados e doces. Ás 17.00, a compañía Ghazafelhos representará a obra “Contos para escagarriñarse”, e a partir das 18.00 horas será a quenda para se divertir cunha serie de xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais e cunha mostra de loita galega. Todo isto dará paso, ás 19.00 horas, á música do grupo Alxibeira, do Padroado naronés.
A actividade trasladarase ás 22.30 horas ao Castro de Eiravedra, escenario no que un ano máis desenvolverase a tradicional Noite no Castro. Os protagonistas serán, nesta ocasión, os veciños e veciñas que integran a Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que estrearán a obra “O paxaro de Eiravedra”. O texto foi elaborado e ensaiado a través das escolas de teatro do Padroado. O concerto do grupo Böj, que dará comezo ás 00.30 horas, pechará a xornada.

domingo
A festa no recinto feiral do Trece continuará o domingo co mercado castrexo, de novo a partir das once, e con novas propostas. Así, ás 12.00 horas, haberá unha mostra e exhibición do Club de Raza Can de Palleiro para unha hora máis tarde, ás 13.00, ter lugar unha obra teatral.
Tralo xantar, será a quenda paar os xogos populares e o deporte rural, para continuar o programa ás 19.00 horas coa celebración da carreira popular. Trala entrega de trofeos, a Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón encargarase de clausurar unha cita que este ano conta coa colaboración, entre outras, da Axencia de Turismo de Galicia e de Abanca.

O concerto de Leilía abre mañá no recinto do Trece o XVIII Oenach Atlántico de Sedes

Te puede interesar