A Festa do Pemento do Couto congrega a máis de 500 persoas na parroquia

A Festa do Pemento do Couto congrega a máis de 500 persoas na parroquia

A XVIII Festa Gastronómica do Pemento do Couto resultou onte, como vén sendo habitual, todo un éxito. Máis de 500 persoas déronse cita nesta parroquia naronesa para gozar do seu produto estrela. Das súas cualidades deu boa conta na lectura do pregón a xornalista compostelana Raquel Fernández –elixida para a ocasión polos traballos xornalísticos que ten feito sobre esta variedade–, e que ademais salientou o traballo de produtores e comercializadores do afamado alimento, cuxa excelente calidade recoñece a súa Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
A continuación, o protagonismo foi para o expresidente da Asociación de Veciños do Couto, Anselmo Beceiro, que recibiu o “Pemento de Honra”.
O presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, destacou a súa labor nos últimos catorce anos á fronte da entidade veciñal da parroquia e tamén a súa inestimable axuda na organización de diferentes actos, entre eles anteriores edicións da cita gastronómica celebrada onte. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, foi o encargado de colocarlle a capa da devandita Orde e de entregarlle a distinción.
Acto seguido, Beceiro, visiblemente emocionado, tomou a palabra para asegurar que o premio é da Asociación de Veciños, lembrando o esforzo realizado por outros compañeiros e agradecendo o relevo á nova directiva, á que ademais ofreceu a súa colaboración.

xantar
Rematados os actos oficiais, os asistentes ocuparon as mesas e sillas ubicadas baixo unha carpa xunto ao local social da Picota, para degustar así un menú a base de churrasco, do que se cociñaron 370 kilos, pementos do Couto –servíronse case 500 kilos–, cachelos, pan, auga, viño, xeado e café, cun custe de doce euros por persoa.
Como complemento ao programa, desenvolvéronse, tanto pola mañá como pola tarde, visitas guiadas ao cenobio do Couto, que o sábado pola noite rexistrou tamén unha gran afluencia de público para gozar da actividade “Noites no Mosteiro”, con música de cámara e iluminación exterior desta construción relixiosa.
A música estivo tamén presente na tarde de onte para amenizar a cita gastronómica organizada polo Concello, a Cooperativa do Val, a Asociación de Veciños do Couto e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. A concelleira de Festas, Mar Gómez, agradeceu a labor destas tres entidades “por manter con gran éxito esta celebración que vai xa pola décimo oitava edición pero que grazas á boa acollida entre a veciñanza e os visitantes, poderá cumplir moitas máis”, comentou.
Tamén tivo palabras de agradecemento para os veciños e veciñas que cultivan estes pementos, “contribuindo a que poidamos continuar celebrando esta festa gastronómica e tamén dando a coñecer a gran calidade destes pementos fóra de Narón e desta comarca”, concluíu a cocelleira naronesa.

A Festa do Pemento do Couto congrega a máis de 500 persoas na parroquia

Te puede interesar