Pérez Leira revive o mito do galego Soto, o ferrolán revolucionario da Patagonia

Cuberta do libro, coa imaxe emblemática do ferrolán aitor lópez

Películas, libros e polémicas na prensa seguen a alimentar a biografía e traxectoria de Antonio Gonzalo Soto Canalejo (Ferrol, 1897 - Punta Arenas, Chile, 1963), líder sindical na Patagonia nos anos 20 e un dos referentes dunha utopía libertaria que rematou nunha traxedia de proporcións épicas. O investigador galaico-arxentino Lois Pérez Leira publicou en 2009 a biografía do revolucionario ferrolán aportando novos datos que modificaban algunhas das ideas sobre Antonio Soto.
O volume bilingüe galego-castelán  “Antonio Soto, de Ferrol ata a fin do mundo”, editado por Luís Vaamonde na viguesa Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo vén de ser posto na rede de lectura e descarga gratuíta na súa versión en castelán (pode facerse aquí: http://www.cronicasdelaemigracion.com/media/cronicas/books/antoniosotodesdeferrolhastaelfindelmundoweb2.pdf). O traballo, esgotado hai tempo, vai ser reeditado con ampliacións por Galaxia como un dos primeiros títulos do seu novo selo para Arxentina “Mar Maior”, que publicará libros de temática galega en castelán para aquel mercado.

figura querida
Afirma Lois Pérez Leira: “Quixemos difundir libremente este traballo, porque a figura de Antonio Soto segue a ter unha dimensión descoñecida en Galicia. Algo máis en Ferrol, onde se lle adicara no ano 96 unha rúa na cidade. Na Arxentina é un referente reivindicado permanentemente e sempre ten actualidade. Tanto pola coraxe e lucidez amosada naqueles tráxicos anos, como polo enorme éxito de ‘Patagonia rebelde’, considerada pola crítica como unha das mellores películas feitas nunca en Arxentina. Hai uns anos se lle fixera unha homenaxe no teatro San Martín de Buenos Aires, con máis de 1.500 personas asistentes aos actos. O expresidente Ernesto Kirchner, que participara como extra na ‘Patagonia rebelde’, apoiou sempre os traballos de investigación sobre Soto, un personaxe moi querido polo pobo. De feito hai tres anos “Antonio Soto, desde Ferrol hasta el fin del mundo” esgotouse na Feira do Libro de Buenos Aires”.

comunista, non anarquista
Tradicionalmente, considerouse a Antonio Soto como militante anarquista. Porén, Pérez Leira modifica esta visión. “Non, Soto era comunista, non hai dúbida. A historia é que o gran investigador da Semana Tráxica da Patagonia, Osvaldo Bayer, non reparou en si na figura do ferrolán, senón que analizou en conxunto os sucesos da Patagonia, onde si había moitos anarquistas. De todos modos a Bayer debémoslle coñecer en profundidade os sucesos que liderou Soto, é o historiador de referencia dos acontecementos".
“Antonio Soto, de Ferrol ata a fin do mundo”, nas súas dúas versións, aporta ademais da biografía unha investigación das súas orixes familiares en Ferrol, a súa implicación en Arxentina, os sucesos ocurridos en Santa Cruz e a posterior vida en Chile. Así mesmo,  conta cunha amplísima información gráfica de todas as etapas da vida do singular revolucionario ferrolán.

Pérez Leira revive o mito do galego Soto, o ferrolán revolucionario da Patagonia

Te puede interesar