Ferrol acolle o sábado a final do Club de Debate con alumnos de sete concellos

O teatro Jofre acollerá este sábado desde primeira hora a fase final do Club de Debate, unha iniciativa promovida por sete concellos galegos –Ames, Carballo, O Carballiño, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo e Ferrol– coa finalidade de impulsar o uso da lingua galega e que alcanza este ano a súa terceira edición. Á cita chegan oito equipos formados por alumnos de institutos de Secundaria de cinco deses municipios.
A cidade naval é este ano, despois de que o foran Pontevedra e Santiago nas edicións anteriores, o escenario da proba final. Un total de 21 equipos de 16 centros de ensino, formados por 180 alumnos, participaron nas eliminatorias celebradas a nivel local. En Ferrol foi o grupo do IES Saturnino Montojo o gañador, aínda que tamén resultou clasificado para a final o do Leixa. Os seus rivais serán os estudantes dos IES Plurilingüe de Ames, Parga Pondal de Carballo; Número 1  e Chamoso Lamas de O Carballiño e os pontevedreses Luís Seoane e A Xunqueira 1.
“Pódese vivir en galego” é o enunciado sobre o que terán que debater os oito equipos clasificados a partir das 10.15 horas no teatro Jofre, buscando tanto argumentos a favor como en contra. As sesións prolongaranse durante toda a mañá, ata as 14.20 horas e se retomarán pola tarde, ás catro. A entrega de premios está prevista para as 20.30 horas.
O xurado encargado de decidir o equipo gañador estará formado por cinco persoas propostas polos concellos. Neste caso está formado por Daniel Romero Rodríguez e Adela Pita Permuy, técnicos de Normalización Lingüística dos concellos de Fene e Narón; e as profesoras Marta Fernández Alberte, María Mercedes Torres Hermida e María Pilar López Suárez. O premio será unha viaxe dunha fin de semana para un máximo de 20 persoas.

Ferrol acolle o sábado a final do Club de Debate con alumnos de sete concellos

Te puede interesar