O Concello de Ferrol pretende reducir as súas emisións de CO2 nun 40% nos próximos dez anos

As accións para mellorar a calidade do aire inclúen a aposta por unha mobilidade sustentable, incluíndo peonalizacións | j.m.
|

O Concello de Ferrol quere disminuir nun 40% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro de aquí a dez anos. Forma parte dun dos compromisos plasmados na memoria do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (Paces), que a semana pasada se aprobou no pleno municipal. Ferrol, como parte integrante do Pacto das Alcaldías, un movemento internacional que implica ás comunidades locais ante o desafío climático dos vindeiros anos, ten que analizar a súa situación e desenvolver accións acordes coa diagnose co 2030 como liña temporal na que presentar resultados.

As propostas que recolle o documento inclúen a elaboración dun inventario de emisións no municipio, para ter unha diagnose de onde se emiten os gases de efecto invernadoiro como consecuencia do consumo de enerxía.

 Despois, definiranse as accións para reducilos, aumentando a eficiencia enerxética, diminuíndo o consumo e, polo tanto, mellorando a calidade do aire na cidade.

Estratexias

O plan para mitigar as emisións consta de 19 accións coas que se quere reducir 105.579 toneladas de CO2 para o ano 2030, que equivalen a un 40,53% das emisións deste 2010.

O traballo centrarase en cinco estratexias: reducir o consumo eléctrico municipal; apostar pola mobilidade sustentable con melloras no transporte público e privado; fomentar as enerxías renovables; colaborar coa cidadanía na creación de hábitos máis eficientes desde o punto de vista enerxético; e, por último, adaptar as estruturas do Concello para poder levar desenvolver todas as propostas

Desde o Concello de Ferrol explican que xa se levaron a cabo algunhas iniciativas que teñen como finalidade mellorar a eficiencia enerxética. Destacan, na última década, a instalación de placas solares e dunha caldeira de pellets na piscina da Malata; así como unha climatización con recuperación de calor e unha caldeira de gas de baixa temperatura no polideportivo de Caranza. Tamén neste barrio, no Centro Cívico, se instalou un sistema de calefacción deste tipo.

A maiores, substituíronse luminarias no Acceso Norte e fixéronse peonís as rúas lonxitudinais do barrio da Madalena.

Outro punto do documento ten que ver con aumentar a capacidade do municipio para facer fronte aos retos do cambio climático. Isto supón ter capacidade de previr e de actuar no caso de incendios forestais ou de secas. Tamén se deben de tomar accións para protexer a biodiversidade e para promover hábitos saudables entre a veciñanza.

O Concello de Ferrol pretende reducir as súas emisións de CO2 nun 40% nos próximos dez anos