Intensa semana musical en Ferrol e Narón como aperitivo ao Nadal

Intensa semana musical en Ferrol e Narón como aperitivo ao Nadal
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, nunha actuación

A música será esta semana un excelente aperitivo para adentrar á comarca nas festas do Nadal. Recoñecidos artistas pasarán polos escenarios do Jofre e do Pazo da Cultura para achegar ao público os seus traballos en citas que, nalgúns casos, van polo camiños de esgotar as entradas dispoñibles.

Carlos Núñez
A primeira das citas máis salientables terá lugar o xoves, no Teatro Jofre, coa actuación de Carlos Núñez, “maestro das gaitas e das frautas”, que volve pasar pola cidade naval dentro da súa xira de Nadal para adentrar ao público nunha viaxe pola esencia da música celta a través de países como Irlanda, Escocia ou Bretaña. A cita terá lugar ás 21.00 horas. Quedan á venda moi poucas entradas –o prezo, desde 19 euros–.
Window Pane e Sandford
Tamén no Teatro Jofre, neste caso o venres a partir das 21.30 horas, reuniranse sobre o escenario dous dos grupos máis importantes e con maior traxectoria do panorama rockeiro ferrolán, Window Pane e Sandford Music Factory.
Ámbolos dous afastaranse desta volta da electricidade e distorsión que adoita caracterizar a súa música para interpretar en formato acústico temas do seu repertorio habitual, “baseado en composicións propias que demostran a calidade” destas bandas. As invitacións para este concerto teñen que ser recollidas na billeteira do Jofre –máximo dúas por persoa–.
Josele Santiago
O sábado, de novo no Jofre –21.00 horas–, será a quenda para Josele Santiago, integrante da mítica banda madrileña Los Enemigos e que chega á cidade naval para presentar o seu quinto traballo en solitario “Transilvania”.
Un disco de rock no que achega unha perspectiva diferente sobre a música, “renovada e tonificante”. As entradas poden adquirirse desde 8 euros.
 

Gospel
En Narón, o venres a protagonista será a música gospel da formación Joyful Gospel Chair, que ofrecerá no Pazo da Cultura (20.30 horas) o seu espectáculo “Érase una vez Nueva Orleáns”, cidade da que proceden. O seu último traballo “9th Ward Revival” supón un traballo cheo de nostalxia dedicado ao mundo de antes do Katrina.
As entradas custan 12 euros para o público xeral e 8,40 para os que poidan beneficiarse dalgún desconto.
Xabier Díaz e Adufeiras
O sábado, tamén no Pazo da Cultura de Narón, terá lugar o concerto de música tradicional galega da man do músico galego Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre –grupo este último composto por once percusionistas e cantoras– e os músicos Gutier (zanfona e violín) e Javier Álvarez (acordeón diatónico).
Ofrecerán ao público os temas do seu traballo conxunto, “Tambourine Man” –con varios premios como o mellor disco galego–, no que recollen unha renovación da música popular galega engadíndolle un enfoque vangardista.
As entradas custan 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para os beneficiarios dalgún desconto.
Tralo gran éxito acadado con este primeiro proxecto conxunto, Díaz e Adufeiras volven xuntarse nun novo traballo que revisa a música popular galega desde un enfoque vangardista, “Noró”.
Trátase dunha homenaxe ao norte, ao seu clima, ás vidas da súa xente e, por suposto, ás súas músicas. “O baile de Noró” é o primeiro single do novo álbum, que verá a luz no mes de febreiro.

Intensa semana musical en Ferrol e Narón como aperitivo ao Nadal

Te puede interesar