O PP rexeita conceder a medalla de ouro de Galicia aos asasinados o 10 de marzo do 72

O voto contrario dos deputados do Partido Popular impediu que o Parlamento autonómico concedese a Amador Rey e Daniel Niebla, os dous obreiros da Bazán asasinados pola policía na avenida das Pías o 10 de marzo de 1972, a Medalla de Ouro de Galicia a título póstumo.
Logo de  condenar os sucesos daquela tráxica xornada, lamentar a morte dos dous traballadores e subliñar que aquela foi “unha data histórica para Galicia”, o portavoz do PP Aurelio Núñez rexeitou tal distinción argumentando que “adoita ser concedida a persoas ou institucións vivas ou, ocasionalmente, a título póstumo falecidas recentemente”. “A única excepción”, explicou, “produciuse en 1984 con Castelao, en quen consideramos que están representados todos os exiliados, presos e represaliados pola ditadura franquista”.
Núñez puntualizou que non apoiaron a proposta de AGE “porque eses feitos son pasado” e, malia recoñecer que non se debe esquecer, “non debe apartarnos do importante: garantir un futuro en paz e democracia”.
Tanto AGE como CCOO lamentaron a negativa dos deputados “populares”. O grupo parlamentar impulsor da iniciativa lembrou que Niebla e Rey “loitaban polos dereitos de todas e todos”, polo que “cómpre facerlles xustiza”. A deputada Chelo Martínez criticou a “pasividade cómplice do PP coa ditadura fascista” e lembrou que nunca a Xunta concedeu a medalla de ouro a un traballador.
Pola súa banda, CCOO resaltou a “incoherencia” do PP e do deputado Aurelio Núñez, quen afirmou que, malia ser bisneto dun condenado a morte por defender a II República, “nin penso nin convivo co rancor”. Para o sindicato, o recoñecemento aos dous obreiros da Bazán non é iso, senón “un acto de xustiza e dignidade”.
CCOO cre que a “única explicación posíbel” ao rexeitamento é que o que Rey e Niebla representan “está aínda moi presente” e que iso “lle resulta moi incómodo ao partido gobernante”.

O PP rexeita conceder a medalla de ouro de Galicia aos asasinados o 10 de marzo do 72

Te puede interesar