O berro do naval faise creación en San Valentín coa iniciativa “Mar e ferro”

O berro do naval faise creación en San Valentín coa iniciativa “Mar e ferro”
Xornada de Pintura mural en San Valentín Mar e Ferro

Un veciño do barrio mira para un mural non que se está a pintar o petroleiro “Santa María” (1975) e comenta: “Moitas horas pasei eu soldando nese barco!”. Onte o eco da historia ligada á construción naval volveu soar no barrio fenés de San Valentín. Fíxoo dentro da xornada “Mar e ferro”, unha iniciativa artística e reivindicativa ideada polo Centro de Promoción Social (CPS) do barrio, Radio Fene, que está a celebrar o seu 30º aniversario, e o prestixioso debuxante Xaquín Marín, autor de boa parte dos murais feitos en Fene nas últimas décadas.
Máis de trinta pintores da comarca, Coruña a Costa da Morte ou incluso Polonia deixaron a súa pegada nos muros de varios dos baixos dos bloques de vivendas. Diferentes estilos para unha mensaxe común, a vinculación do barrio e da comarca coa construción naval, con especial mirada para a antiga factoría de Astano, tan ligada ao barrio fenés.
O presidente do CPS, Juan Miraz, valoraba a última hora a iniciativa como “un éxito”, e relataba: “Había xente que pensaba que tratábamos de facer uns simples debuxos decorativos ou reivindicativos e cando vía o nivel do que se estaba a facer nos ofrecían os seus baixos. A unanimidade da veciñanza foi case total e aquí veuse que a cultura pode usarse dun xeito lúdico sen perder a súa carga de compromiso. A diferencia dunha manifestación, que despois de facela xa non queda nada, estes son murais que van quedar no barrio”.
Sobre o fondo de “Mar e ferro” Miraz sostén: “Quizais a iniciativa teña continuidade, pero o certo é que o barrio e a comarca ten un paro insostible, desde obreiros a enxeñeiros navais están no paro e quen non, teñen que marchar a Holanda ou a Kuwait. Nós mamamos a cultura da construción naval e algo tiñamos que facer para reivindicala”. Pola súa banda, para Henrique Sanfiz, director de Radio Fene, “a experiencia foi moi positiva e a opinión que nos traladaron tanto os veciños como os artistas participantes foi excelente”.  

outras propostas
A xornada tamén tivo outros aspectos, como a entrega de premios do concurso escolar de debuxo “Mar e ferro” por parte do alcalde fenés, Gumersindo Galego, e o presidente do comité de empresa de Navantia-Fene, Jorge Prieto. Durante todo o día os traballos presentados puideron verse nunha mostra no CPS. A música non faltou ao mediodía coa banda A culpa foi de Lolo e pola noite co dúo Alabama. Entre medias, levouse a cabo unha proxección do documental “Carga de dignidade” gravado nos muros de Navantia, e un recital de poesía coa intervención de varios escritores como Karlotti, Amelia de Querol, Arsenio Iglesias e Mario Regueira.

O berro do naval faise creación en San Valentín coa iniciativa “Mar e ferro”

Te puede interesar