Un obradoiro de creación abre o festival de artes escénicas de Ferrol

Un obradoiro de creación abre o festival de artes escénicas de Ferrol
A Casa Loti acolle desde onte o desenvolvemento do obradoiro de Ibuprofeno Teatro jorge meis

Semella languidecer, pero segue viva. Algúns marchan, mais outros fican para seguir loitando por ela. Porque, como di ese xa recoñecido e popular lema, “Ferrol mola”. Coa intención de contribuír, desde as artes escénicas, “a recuperar o amor” por esta cidade e, por suposto, achegar o teatro á rúa e á xente, celébrase desde onte o I Festival de Artes Escénicas “Fóra do Mapa”, impulsado desde a Concellería de Cultura que dirixe Suso Basterrechea.
O edil confiou á actriz local Cristina Moreira a organización dun programa que ata o vindeire domingo tentará ser punto de encontro interdisciplinar de profesionais, público e amantes das artes escénicas. “Poñendo o noso punto de mira nalgúns dos lugares emblemáticos de Ferrol, levamos a escena á rúa, e ao dar vida a eses lugares, lembramos que non estamos fóra do mapa senón de que, como nos gusta dicir aos ferroláns, Ferrol mola”, din desde a organización.
A proposta, que se prolongará ata o domingo coa implicación de nove compañías, permitirá dar a coñecer tamén as novas formas de teatro que están a xurdir da man das novas tecnoloxías e das redes sociais. O menú será moi variado. Obradoiros, sesións de microteatro e ata un roteiro teatralizado guiado compartirán cartel coa inauguración dunha exposició, o pase dunha proxección ou mesmo un faladoiro arredor das artes escénicas.

puntos de acción
Con edificio do Antigo Hopicio como sede central do Festival –alí terán lugar algunhas destas actividades ademais de ofrecerse toda a información relativa ao programa–, as representacións sucederanse durante toda a semana por espazos como o Teatro Jofre, Torrente Ballester, Galerías Ferrol, El imperdible, Acevedo, Casa Romero, Ateneo, Hotel Suizo, Librería Quijote, Cine Avenida, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e Casa Loti. Neste último local comezou onte un dos dous obradoiros formativos incluídos no festival, o de “Obsolescencia programada” impartido pola compañía Ibuprofeno Teatro.
Oito persoas –había dez prazas dispoñibles– asisten a unha actividade no que se traballarán cuestións como a a escrita, a interpretación, o movemento, a posta en escena, os ambientes sonoros ou a estética do espectáculo. Todo isto co espazo como punto de partida. De aí que optaran pola casa Loti como escenario para o curso.
“Propoñemos ocupar para a nosa experiencia algún inmoble ou edificio abandonado, en desuso, nun estado máis ou menos ruinoso, para explorar as sensacións que nos transmita...”, salientan desde o grupo. O domingo, ás 13.00 horas, os participantes amosarán o aprendido nunha sesión de teatro miúdo. Outra das propostas formativas é a que ofrecerá, entre mañá e o venres, a compañía Voadora baixo o título “Be crazy”. O curso, a celebrar no Antigo Hospicio, traballará desde unha perspectiva lúdica, “irrevente e desinhibida” a interpretación en dramatuxia conemporánea.
Máis información sobre o festival e reservas para as actividades no mail foradomapa@gmail.com; www.foradomapa.org; ou no Antigo Hospicio (de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30).

Un obradoiro de creación abre o festival de artes escénicas de Ferrol

Te puede interesar