A IV Asemblea nacionalista 2 (LXVI)

A IV Asemblea nacionalista 2 (LXVI)
Copia (2) de Diario de Ferrol-2017-10-08-016-f8633566

Finalizaba a entrega anterior dando conta dalgunhas informacións aparecidas na prensa referidas á inmediata celebración da IV Asemblea Nacionalista na vila de Monforte.

A que ofrecía A Nosa Terra, de 15 de febreiro, no solto “A IV Asamblea Nazonalista”, informaba moito máis polo miúdo do acordado polo consello dirixente que a transmitida polos diarios, mesmo os “afins” como La Zarpa, do sacerdote e líder agrarista Basilio Álvarez.

A noticia do boletín recollía tanto as cuestións a tratar:

“Tema 1.º Plan de organización definitiva das Irmandades da Fala e do Partido Nacionalista galego.

Tema 2.º Plan compreto de propaganda nacionalista.

Tema 3.º Plan de estudios a realizar pol-as Irmandades.”

como o regulamento polo que se había de rexir a xuntanza:

“Artigo 1.º A esta Asamblea somentes poderán concurrir con voz e voto: 1.º Os membros do Consello Permanente do Directorio das Irmandades da Fala. 2.º Os persoeiros das Irmandades. 3.º Os irmáns que residan onde non haxa Irmandade e que concurriron ás Asambleas anteriores e firmado as actas das mesmas.

Artigo 2.º Cada Irmandade poderá mandar â Asamblea hasta tres persoeiros con voz e voto e terá tres votos calquera que sexa o número de persoeiros que mande. Estes persoeiros irán previstos  das correspondientes credenciales expedidas pol-o Consello da Irmandade ou sociedade respectiva. Os asambleístas das clases 1.ª e 2.ª terán cada un, un voto. Os demais irmáns que concurran somentes terán voz no caso que a Asamblea especialmente os consultase. Non se permitirá a entrada ao que non sexa membro d’unha Irmandade ou firmantes nas Asambleas anteriores.

Artigo 3.º Somentes se tratarán os asuntos que van no cuestionario adxunto. Para tratar outros, teñen que pedir por escrito á Mesa pol-o menos cinc persoeiros, e a Asamblea decidirá si se trata ou non.

Artigo 4.º De cada punto só poderán falar dous asambleístas en pró e dous en contra e logo someterse a votación.

Artigo 5.º A Asamblea será presidida pol-o Consello Permanente para o exame das credenciales e logo pol-a Mesa que se elixa.

Artigo 6.º Das sesiós da Asamblea levantaráse pol-o segredario acta circunstanciada que firmarán todol-os asistentes.

Artigo 7.º Os irmáns comprendidos na crás 3.ª terán que pedir as suas credenciales ao Consello Permanente.

Unha simple lectura tanto dos temas a tratar como dos artigos do regulamento lévanos a concluír que o pensamento de Vicente Risco estivera moi presente na súa redacción, tendente a controlar totalmente a Asemblea de principio a fin. Cousa lóxica e normal se temos en conta a correlación de forzas no consello dirixente: Francisco Balboa, Conselleiro 1º da Irmandade da Coruña, fronte a Vicente Risco, Banet Fontenla e Antón Villar Ponte, estes dous claramente posicionados do lado do catedrático ourensán.

Na correspondencia de Manuel Antonio podemos atopar datos que nos permiten facernos unha idea da situación nas semanas anteriores á celebración da Asemblea.

 

Con data “Xaneiro 1922”, Bernardino Varela, como secretario do Consello de Redacción constituído para substituír na dirección da publicación a Antón Villar Ponte, enviou o seguinte escrito -en papel co membrete “A Nosa Terra / Idearium das Irmandades da Fala / A Cruña”- a Manuel Antonio -suponse que tamén aos demais colaboradores-:

“Noso querido irmán: En xunta directiva celebrada por esta Irmandade tomóuse o acordo de nomear un Consello de Redacción encarregado de ‘A NOSA TERRA’ idearium das irmandades. este consello foi nomeado xa e compóñeno circo irmáns. O Director será o I.º Conselleiro da Irmandade da Cruña e todo o que non leve firma ha de ser sempre revisado e autorizado pol-a Directiva d’esta Irmandade.

Ao tomar posesión do cárrego queremos facer que a nosa revista refrexe perfectamente o pensamento de todol-os os nazonalistas e Irmandades xa que é orgo d’elas.

Rogámoslle pois, que pol-o menos nos envíe cada mes un artigo, pois é deber de todos axudar a contribuir ao maior valemento e amenidade do noso idearium.

Os artigos e toda a correspondencia que non sexa administrativa diríxaos sempre ao Consello de Redacción, sin nomear persoa algunha.

Agardamos e confiamos atenderá o noso rogo e nos mandará xa o primeiro artigo.

Sin outro particular, somos sempre seus e da causa,

‘Saúde e patria’.

Pol-o Consello de Redacción.

O Segredario

B. Varela”.

O escrito recolle ademais os nomes dos “Irmáns que compoñen o Consello”, a saber:

D. Florencio Vaamonde, D. Euxenio Carré Aldao, D. Xohán V. Viqueira, D. Manuel Lugrís, D. Eladio Rodríguez e D. Bernardino Varela, “Segredario”.

Probablemente de camiño - en carta sen datar-, Manuel Antonio dirixiuse a Villar Ponte nestes termos:

“Meu moi bó amigo e irmán: Por varios camiños, agás o da Prensa, que co-a sua nota sería o mais doado, souben que Ve. deixara a direución d’A Nosa Terra. Inda que desconozo as suas causas proisimas, xa me supoño que en parte o motivo determiñanrte seria a autitude d’aquela xente que xa conezo. Sinto-o pol-o Boletín que no gañará nada co-iso. Por vostede non, xa sei que non lle alcadan cousas que veñan de certos sitios, anque comprendo que tamén lamentará que o ‘idearium’ pase ás mans de calquera. Verdadeiramente o consello que formaron non ten, tirando o nome de Viqueira, nada de recomendábel. -No lle escribín denantes porque agardaba que Cebreiro o fixese para min contestando carta miña e detallado o caso; pero como o dibuxante ‘fai honor’ á sua vaganza, desistín d’agardar”.

Ao tempo, o poeta rianxeiro acabou recibindo a carta -tamén sen datar- que agardaba de Cebreiro para saber dos feitos. Despois de xustificar o retraso botándolle a culpa ás pernas: “Aquelas pernas que ti mirabas na rua Real metidas nas medias de seda. As pernas das mulleres arrastran a ún e o ‘desnacionalizan”, pasaba a explicarlle o acontecido:

“O que pasou na Irmandade vou a che-o contare en umas liñas. Convocaron a uma reunión con objeto de atraer aos que se habían alonxado e o día que dita reunión (xuntanza) celebrouse todos os señores de cuota “1 peseta” escomenzaron a insultar aos Villar Ponte pregandolles que deixaran a Nosa Terra. Ti que ja coneces esta gente, poderás maxinar o que foi. Eu non falo mais de esto porque da-me noxo. Eiquí hai dous grupos. Os ‘nacionalistas industriales’ todos los demás, e o Villar Ponte, Viqueira e eu”.

Case inmediatamente, con data de 3 de xaneiro, recibiu resposta de Villar Ponte dándolle, así mesmo, conta da situación:

“Na Irmandade, xa sabe o que me fixeron, porque llo terá dito o Cebreiro. Non había que agardar outra cousa d’unhos horteiras analfabetos. A culpa foi miña pol-os querer erguere deica min. Pro adiante. ‘A Nosa Terra’ xa verá que da noxo. Fanna tres vellos: Vaamonde, Lugrís e Carré, que suman xuntos máis de tres séculos e poden ter biznetos, non sabendo ningún d’eles que é o nazonalismo e non tendo feito ningún profesión de fé nazonalista. Dito isto, ¿pra que falar mais?...”.

Na misiva dalle conta tamén da celebración da IV Asemblea:

“A Asambleia nazonalista faceráse en Monforte os días 19. 20 e 21 como verá pol-a convocatoria que supoño ll’enviarán. Ao romate d’ela daremos un mitin no teatro e poida que algunha conferencia. Vosté, moito m’alegraría que asistise a ella. Alí nos xuntaremos os bós e xenerosos”.

O grao de deterioro das relacións debía ser tal que Villar Ponte deixaba de lado que eses tres vellos foran da xente que estivera presente e intervira no local da Real Academia Galega, da rúa Rego de Auga, no acto fundacional da Irmandade da Coruña na tarde noite do 18 de maio de 1916, o día que todo botara a andar. Ingratitude?

Esquecía, así mesmo, que un deles, Manuel Lugrís era unha das cinco persoas ás que dedicara o folleto. Nacionalismo Gallego. Nuestra Afirmación Regional Apuntes para un libro  o 21 de marzo dese mesmo ano.

A IV Asemblea nacionalista 2 (LXVI)

Te puede interesar