The Chieftains e Kepa Junquera actuarán no Festival de Ortigueira

The Chieftains e Kepa Junquera actuarán no Festival de Ortigueira
The Chieftains

Paseniñamente vai tomando forma o cartel definitivo da XXX edición do Festival de Ortigueira que este ano se celebra entre o 17 e o 20 de xullo. Os referenciais Milladoiro e Ruaille Buaille, gañadores do Proxecto Runas 2013, foron os primeiros nomes en darse a coñecer. Posteriormente confirmáronse os escoceses Treachorous Orchestra e a banda irlandesa Moxie e agora dúas das estrelas nun cartel que non pode deixar de lado o simbólico da edición a celebrar. Trátase de dous regresos, o do vasco Kepa Junquera e dos irlandeses The Chieftains. Ámbolos dous actuarán na noite do sábado 19.
Acerca de The Chieftains os cualificativos non abondan. Son xa non unha lenda senón un dos símbolos de Irlanda no mundo cunha notable vinculación con Galicia, onde lle foi concedida o pasado ano a Medalla Castelao.
A formación liderada por Paddy Moloney desde hai medio século xa actuou na vila ortegana en 2004 acompañada polo seu cicerone galaico, o gaiteiro Carlos Núñez, case un membro máis da banda. Os irlandeses  presentarán o seu último disco, “Voice of ages”, convertidos na actualidade en cuarteto.
No caso do acordeonista vasco Kepa Junquera, que xa actuou na edición de 2002, presentará o seu  último disco, “Galiza”, no mellor escenario posible. O prestixioso músico vasco quixo celebrar o seu 30º aniversario no mundo da música cunha homenaxe a unha terra pola que sente unha fascinación innegable. Os mellores artistas e bandas da música galega como Luar na Lubre, Leilía, Budiño, Susana Seivane, Os Cempés, Uxía, a Central Folque ou Treixadura, entre outros, colaboran neste dobre CD, e non sería extraño que algún destes ilustres nomes se subise con el ao escenario principal do festival ortegano na noite do 19 de xullo.

The Chieftains e Kepa Junquera actuarán no Festival de Ortigueira

Te puede interesar