“Romeo y Julieta en construcción”, o milagre de Shakespeare con humor para todos os públicos

“Romeo y Julieta en construcción”, o milagre de Shakespeare con humor para todos os públicos
Diario de Ferrol-2015-01-16-013-eed8553f

O Jofre acolle mañá unha lección de teatro para todos os públicos sobre o mundo de Shakespeare onde o humor non deixa de lado o rigor. A compañía arxentina Puro Grupo Teatro pon en escena “Romeo y Julieta, una obra en construcción”, a historia dun grupo de 25 actores arxentinos que representan ao seu país nun dos festivais de teatro máis importantes de toda América. O evento ten lugar nun estudio de televisión e en directo para todos os países do continente. Dous actores enfróntanse ao reto de ter que representar sós unha montaxe prevista para 40 intérpretes porque os seus compañeiros, co vestiario e atrezo, quedaron tirados na estrada por unha avaría do bus que os transportaba. A partir de aí sucédense momentos divertidos, resultado das enxeñosas solucións que ambos intérpretes porán en marcha para lograr representar a peza.

recoñecementos
A montaxe acadou no pasado Festival de Teatro de Almagro o premio á mellor montaxe do II certame Barroco Infantil, destacando o xurado “o excelente traballo actoral, a súa gran comunicación co público, a enxeñosa construción do vestiario, a imaxinación para procurar que os obxectos cobren vida, o humor no texto e a lóxica alternativa defendida por dous pallasos”.
A comedia, que reinterpreta o mundo de William Shakespeare para todos os públicos, está adaptada por Pablo Di Felice, que tamén dirixe e protagoniza a peza xunto coa actriz Mónica Spada. O espectáculo de Puro Grupo Teatro ten unha duración de 55 minutos e está recomendado para nenos a partir dos 8 anos. O prezo das entradas é de 7 euros.

“Romeo y Julieta en construcción”, o milagre de Shakespeare con humor para todos os públicos

Te puede interesar