A Irmandade de Ferrol elixe Consello (X)

Xaime Quintanilla Martínez, visto por Maside
|

Poucas semanas despois do domingo 11 de febreiro, data na que o “Comité d’aición galeguista da Hirmandade da Fala” da Coruña se desprazara a Ferrol para para participar no mitin galeguista no Salón Amboage e no posterior xantar de confraternidade no Ideal Room, asunto do que xa temos falado nestas entregas, podíase ler, na sección “Novas da causa” do número de 20 de marzo de 1917 d’A Nosa Terra. axiña se ían constituír Irmandades en Lugo e Ferrol. E así foi. O 15 de abril de 1917, nun acto celebrado no local que a rondalla “Airiños d’a miña terra” tiña na Rúa Real (no actual número 65).
A mediados do mes de marzo, chegara a Ferrol un médico novo, un coruñes fillo de ferrolá, que finalizara os estudos de medicina en outubro de 1915 -despois de realizar os correspondentes exames de grao-, aínda que o título lle sería expedido o 17 dese mes de marzo. Ía cumprir os 26 anos e levaba dous casado con Ángela Ulla, cando xa era médico, segundo a noticia aparecida na prensa compostelá.
El Correo Gallego –curiosamente dese 17 de marzo– publicaba: “Adquirió patente para ejercer su profesión en esta ciudad el médico D. Jaime Quintanilla Martínez”. Mes e medio despois, o 8 de maio de 1917, o diario ferrolán insertaba nas páxinas publicitarias o anuncio da consulta no primeiro andar no actual nº 215 da rúa Magdalena. Ese anuncio profesional permite seguirlle os pasos polos diferentes lugares onde estivo establecido na cidade, ata o seu asasinato en 1936.
O novo veciño de Ferrol, xa participara moi activamente na política, principalmente no ámbito do socialismo, se ben con aproximacións ao do anarquismo, practicamente desde o inicio dos seus estudos universitarios.
Cando a fundación das Irmandades, residía en Santiago e alí se alistou e debeu participar activamente. Sen ir máis lonxe foi o representante da Irmandade compostelá nos actos de homenaxe que se lle renderon a Fontenla Leal na Coruña cando, a comezos de marzo do 17, chegou da Habana acompañando os restos do músico Castro “Chané”. No xantar ofrecido a Fontenla Leal, o noso paisano promotor da Academia, no seu discurso louvou a figura de Quintanilla. Sábese tamén da súa relación co poeta Victoriano Taibo, un dos dirixentes os irmandiños santiagueses. Segundo unha nota aparecida n’A Nosa Terra (26 de febreiro de 1917) nesa altura o “notabre cronista e médeco cultísimo” Quintanilla andaba axudando a Taibo na escrita dun drama.
Sábese tamén que cando decidiu instalarse en Ferrol, formaba parte do comité organizador dun salón de arte rexional que pretendía organizar a Irmandade.
Tamén no mes de marzo, Quintanilla comezou a colaborar nas páxinas d’A Nosa Terra, concretamente desde o número 13, de 20 de marzo, co artigo “Os cursis”, que inauguraba unha columna que titulara “Do meu feixe”. Neste artigo critica aos que entendían que a fala “non é percisa pra redención de Galicia”. El, pola contra, entendía, e dicía, que “Falar galego é crear un núcleo de lus, un faro pra nós e pra os demais. Falando en castelán seremos somentes un anaco da Peninsua, sin mais personalidade qu’os ríos, y-as terras, y-os montes, y-os arbres”. A este primeiro artigo lle seguirían outros con fondo acento patriótico.
Todo apunta a que os galeguistas ferroláns levaban tempo agardando unha personalidade disposta a poñerse á fronte do movemento irmandiño na localidade. E atopárana no momento en que o méwdico Quintanilla decidira instalarse profesionalmente en Ferrol.
Tanto a prensa local -como xa temos dito non moi proclive ao galeguismo- como o boletín das Irmandades, A Nosa Terra, dedicaron espazo a dar conta da fundación da Irmandade ferrolá e a publicitar os nomes das persoas que ían dirixila. O Xaime Quintanilla, como non, foi elixido Conselleiro 1º. Para acompañalo no comprometido labor foron designados o mestre Xoán García Niebla, como conselleiro 2º; o recoñecido traballador e dramaturgo Euxenio Charlón e o tamén médico e poeta Francisco Cabo Pastor, como tesoureiro.
A Nosa Terra do día 30 –xa dera os nomes dos directivos no número do día 20– publicaba unha pequena informando de que os “boos e xenerosos” se reuniran no local da gabada rondalla “Airiños da miña terra” e que asistiran á xuntanza homes de tanto prestixio como os señores Bidegain, Comellas, Seoane Pampín, Romero, Sánchez Hermida, Abelleira, Rodríguez (X.), Ruíz Gómez, García (A.) e Lorenzo, así como de que tamén se recibiran adhesións doutras persoas significadas. Volvía reproducir os nomes dos mebros do consello e preguntábase: “¿Non son unha garantía os nomes que deixamos escritos? Son d’homes da cultura, d’homes de cencia e de letras, conecidos na rexión”. Os seguinte pasos non serían doados como veremos na próxima entrega.
Non debo finalizar estas liñas sen recomendar a lectura do excelente estudo de Ana Romero e Carlos Pereira Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, publicado en 2011 pola Fundación Luís Tilve.

A Irmandade de Ferrol elixe Consello (X)