Os pequenos tesouros do Arquivo Naval

Os pequenos tesouros do Arquivo Naval
cousas bernardo /

Aínda que semelle un tópico, a teimuda realidade demostra que moitas veces son os propios ferroláns os que maior descoñecemento e desinterese teñen polo seu propio patrimonio, desleixo que se acentúa cando o tesouro está branco sobre negro.
Unha desas alfaias pouco coñecidas para o común dos veciños da cidade, probablemente debido ao afastamento do centro urbano ao que se viu obrigado nos últimos anos, é, sen dúbida, o Arquivo Naval. Como se lembrará, desde o mes de xaneiro as salas de consulta se atopan no edificio de Capitanía, se ben a maior parte dos fondos, duns oito quilómetros e medio liñais, permanece na base naval da Graña. Porén, todos son accesibles previa solicitude, “in situ” ou a través do correo electrónico.
Moitos dos interesados na consulta de vellos documentos –os máis antigos remóntanse ás primeiras décadas do século XVIII, antes da grande expansión da urbe– son particulares que solicita o persoal de reemplazo  para xustificar a inclusión do período da “mili” no cómputo de cuotas á Seguridade Social. Pero a maioría dos visitantes son investigadores locais que buscan información para os seus traballos e publicacións. Un dos asiduos é o historiador mugardés Bernardo Máiz Vázquez que, documentándose para un traballo sobre corsarismo que en breve verá a luz, foi atopando pequenas curiosidades que recollen aspectos cotiáns da vida local da época.
“Os escribanos de Marina exercían no séculos XVIII e XIX, até que se crearon a mediados desta última centuria, como verdadeiros notarios públicos”, lembra o investigador, “nomeadamente para a realización de actos xurídicos das xentes vencelladas ao mundo do mar, desde militares até pescadores, pasando por persoas que tiñan intereses nesta actividade”. Estes usos e costumes levaron a moitos ferroláns e persoas que eventualmente traballaron na cidade, principalmente no Arsenal e os estaleiros, a deixar constancia das súas decisións nun documento que tiña carácter oficial.
Eis o caso dun alférez de navío de nome Antonio que o 13 de decembro de 1739 plasmaba o contrato de compravenda dun escravo. Aínda que a escravitude nos territorios peninsulares do Reino non quedou abolida até practicamente un século despois –en 1814 prohibiuse o tráfico de escravos–, esta “transacción” debeu de ser unha das últimas que se fixeron en Ferrol, pois se ben nas colonias de ultramar non se prohibiu até a última parte do XIX –1873 en Puerto Rico e 1880 en Cuba, aínda que a liberdade de ventre decretouse tres anos antes–, na Península os últimos escravos foron mercados, sinala Máiz, ao embaixador do sultán de Marrocos contra o ano 1766.
O documento, recuperado polo historiador mugardés, está rexistrado polo escribano de Marina Pedro López de Santiago e di textualmente o seguinte: “Don Antonio… alférez de nabio de los de la Real Armada pronto para salir […] vende un su esclavo de Argel cautivo y abido en buena guerra y no de paz llamado Antonio Justo bautizado en la parrochia  de San Justo de Barcelona de edad de diezyocho años color blanco ojos claros ni fetido ni ladron ni otro ningún defecto ni tacha que le impida servir bien asi de cocinero como todo lo mas que se le mande […] bendo en precio y quantia en duzientos y cincuenta pesos y medio a Don Bruno… Maestre de Bascones y de bienes del nabio de su Magestad nombrado San Carlos surto en este puerto de Ferrol  y presto a azer el viaje al Reyno de Indias”.
Hai máis episodios interesantes, como a transcrición de denuncias por litixios ou conflitos entre veciños, coa relación de insultos varios incluída, ou as últimas vontades de condeados polas súas actividades delictivas no mar.
Tamén figura a solicitude do empresario Nicola Setaro –el asinaba cun só te– para erguer un edificio de “óperas, comedias, etc.” e no que demandaba ademais –e lle foi concedida– man de obra forzada para o desenvolvemento do proxecto urbanístico que remataría, como se sabe, cun incendio.
Outro dos documentos que se atopan no Arquivo Naval fan referencia a unha das etapas máis importantes de Ferrol que foi escrita polos construtores de navíos británicos chegados aos estaleiros para modernizar a flota da Armada española. Así, Máiz lembra que a mediados do século XVIII, Jorge Juan trouxo, a cambio de salarios xenerosos, a un número elevado de profesionais –os historiadores que teñen traballado o tema falan dunha trintena– que foi minguando até cinco na altura de 1790.
Un deles foi David Howell, un inglés que, segundo conta Máiz, non gozaba de moita simpatía por parte dos seus coetáneos, porque, entre outras cousas, negouse, nos vinte anos longos que viviu en Ferrol, a aprender español. Howell morreu en 1777 e del consérvase o testamento no que reparte entre os seus familiares –muller, filla e irmá, principalmente– as súas posesións. Neste acto de escritura pública participaron compatriotas seus –aínda que daquela a maioría eran irlandeses–, incluído o médico Timoteo O´Scanlan, pai do autor dun dos libros de termos náuticos de referencia. n

Os pequenos tesouros do Arquivo Naval

Te puede interesar