Exposicións, obradoiros e gastronomía no Samaín que terá lugar en San Mateo

A celebración do Samaín naronés terá o seu epicentro no centro cívico social de San Mateo de Trasancos. Alí se celebrará, o vindeiro día 31, a festa organizada polo Padroado da Cultura e a agrupación veciñal. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, e os membros da asociación José Manuel García e Laura Fernández, deron onte a coñecer o programa dunha cita na que haberá espazo para diferentes propostas.
Así, desde as cinco da tarde poderá visitarse a exposición de cabazas que foron decoradas nos centros educativos, comezando tamén a esa hora os obradoiros de cabazas e maquillaxe aos que poderán asistir todas as persoas que o desexen. A partir das 19.00 horas haberá un espectáculo músico teatral protagonizado por Mamá Cabra, titulado “Historias de Ultratumba”.
Un ano máis completarán a programación a tradicional Comitiva de Luces e Tebras, que dará comezo sobre as 20.30 horas. Os participantes percorrerán unha pequena ruta polas inmediacións do centro cívico, portando candeas para recrear manifestacións da mitoloxía tradicional galega, concretamenta relacionadas co mundo dos mortos.
Este ano variouse o percorrido, que será por pistas asfaltadas e con unha pequena subida para que poidan acudir adultos e menores.
Obradoiro do Medo
A actividade continuará ás 21.00 horas co tamén tradicional Obradoiro do Medo, nas instalacións do colexio do CRA de San Mateo. Pechará a cita o Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, que tocará varias pezas de música tradicional.
Tamén haberá un espazo reservado para a gastronomía, xa que polo prezo simbólico dun euro poderare degustar –ata esgotar existencias– unha cunca de caldo elaborado por veciños da parroquia, acompañado de liscos, pan e bebidas.

Exposicións, obradoiros e gastronomía no Samaín que terá lugar en San Mateo

Te puede interesar