Ferrol convoca o Premio de Gráfica Máximo Ramos

Ferrol convoca o Premio  de Gráfica Máximo Ramos
exposicion grabados

O Concello de Ferrol covoca o XXIII Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos, que agora é bienal, e co que se quere “dar testemuño do dinamismo e pluralidde da gráfica actual desde a perspectiva da arte contemporánea múltiple e seriada”, segundo indican as bases. Haberá un único premio de 7.000 euros e tamén se poderán outorgar mencións honoríficas, se así o considera o xurado.
O premio diríxese a artistas de calquera nacionalidade e país de residencia e, desde as últimas modificacións das bases, “está aberto a todos os procesos gráficos tradicionais ou experimentais, incluídos os dixitais, o vídeo, a fotografía e a instalación, con intervencións directas ou combinadas con calquera outro procedemento, sen condicións de tamaño”. Cada participante poderá presentar de dúas a seis obras pertencentes a unha mesma familia ou serie, “ou unha soa obra seriada completa formada por varias pezas”. Non se admiten obras premiadas noutros certames nin realizadas antes de 2009 e tampouco poderán concursar os gañadores das cinco convocatorias anteriores.
O prazo para enviar os datos por correo electrónico (incluíndo fotografías das obras) comeza o martes 15 de abril e remata o 30 de maio. Unha comisión de especialistas fará unha selección e a continuación os elixidos terán que mandar as súas obras ó Torrente, entre o 26 de agosto e o 5 de setembro. Con elas farase unha exposición entre o 12 de setembro e o 16 de novembro de 2014, aínda que para entón xa se saberá o ditame do xurado, que se fará público antes da mostra.
O xurado fórmano un presidente (o alcalde ou a persoa na que delegue), un secretario con voz pero sen voto e tres vogais elixidos entre xente de prestixio no campo das artes.
O Premio Máximo Ramos fornece ós fondos municipais dunha importante obra gráfica que de cando en vez se expón ó público. É o que acontece agora, no Torrente Ballester, cunha retrospectiva polas creacións galegas das últimas décadas, que serve ademais de antesala para a convocatoria do premio (aínda non publicado no DOG) e para a exposición que se celebrará no último trimeste do ano.

Ferrol convoca o Premio de Gráfica Máximo Ramos

Te puede interesar