Milleiros de persoas volveron gozar un ano máis do saboroso polbo á mugardesa

|

A vila de Mugardos citouse onte cunha das xornadas festivas máis importantes da vila ano tras ano: a XXVIII Festa do Polbo. Milleiros de persoas, non só da comarca senón tamén procedentes doutros lugares, secundaron un evento gastronómico dedicado ao produto estrela do municipio mugardés.
A empresa IN9 Eventos, co cociñeiro Miguel Mosteiro á cabeza, foi desta volta a encargada de preparar o menú. Máis de 3.300 racións de polbo e algunhas menos de empanada foron servidas entre o público, que non quixo perder a oportunidade de gozar deste delicioso prato.
Elaboración
Horas antes do inicio da degustación –que deu comezo sobre a unha do mediodía–, a maquinaria da festa entraba en funcionamento co obxectivo de deleitar aos padais máis exquisitos. Así, e logo das tarefas realizadas xa ao longo da semana –desconxelación, limpeza ou corte do produto–, un equipo de arredor de corenta persoas iniciaba onte ás oito da mañá o seu traballo entre fogóns para ter todo listo para a hora do xantar.
Miguel Mosteiro, cociñeiro que se encargou de facer os “showcooking” nas feiras Xantar e Fertur, salientou o esforzo do Concello de Mugardos para manter os prezos das racións a pesar da suba experimentada polo produto este ano –o dobre que no anterior–. Un incremento que veu dado pola escaseza do devandito cefalópodo no mercado.
Para o cociñeiro, natural de Cambados, que se confesa un amante e defensor da cociña tradicional galega e mariñeira, é fundamental defender e gardar receitas como a do polbo á mugardesa. “É necesario poñer en valor este tipo de produtos e receitas tradicionais, así como o contorno no que se celebran este tipo de festas”, comentou. “Esta é unha receita fascinante”, dixo.
O bo tempo acompañou tamén nunha xornada na que a localidade mariñeira rexistrou un gran ambiente, con pasarrúas a cargo da Charanga Mekanika e Kilomberos de Montealto; o espectáculo “Animacreques”; verbena co grupo Claxxon; e paseos no tren turístico habilitado para a ocasión.
Os veciños contribuíron tamén á decoración das fachadas e dos establecementos con globos e debuxos. Ademais, un polbo construído con luces led presidirá a Avenida do Mar estes días. l

Milleiros de persoas volveron gozar un ano máis do saboroso polbo á mugardesa