O 32% de taxa de paro, telón de fondo da celebración

ofrenda floral de la CIG en el monumento al 10 de marzo
|

A celebración do Día da Clase Obreira Galega estivo onte en Ferrol tinguido de comparacións. Do momento actual e dos tempos que viviron Amador Rey e Daniel Niebla, mortos a tiros durante unha mobilización polo convenio colectivo de Bazán nos anos dos últimos coletazos da ditadura franquista nos que agromou o movemento sindical. A mirada atrás non deixou espazo para as conclusións positivas diante das cifras que pintan o dramático presente desta comarca.  
O 32% de taxa de paro ou a destrución de 5.900 postos de traballo no último 2013 son algúns dos datos obxectivos que marcaron esta última celebración do 10 de Marzo, despois de varios anos nos que invariablemente esta data serviu para denunciar os destrutores efectos desta crise económica. A parálise do sector naval, o motor industrial da zona, está no cerne desta situación, que xa motivou unha folga xeral na comarca o pasado 12 de xuño cun masivo seguemento. Dende aquela as forzas sindicais esperan que as reciba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Os traballadores do naval, un sector no que xa se destruíron uns 4.000 empregos, levan preto de tres anos de mobilizacións en demanda de ocupación e do dique flotante. Mañá teñen unha nova xornada de protestas, cun peche no interior dos estaleiros e saída desde Ferrol, ás catro da tarde, ata a factoría de Fene.
Hoxe, por outra banda, vaise debater no Congreso unha moción do BNG na que se insta ao Goberno a adoptar medidas para asegurar carga de traballo aos estaleiros públicos da ría de Ferrol.  n M.M.

O 32% de taxa de paro, telón de fondo da celebración