Fernando Iglesias Mouta e Ana Martínez, gañadores do premio Curuxa do Humor de Fene

Fernando Iglesias Mouta e Ana Martínez, gañadores do premio Curuxa do Humor de Fene
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-50469862

O XXII Concurso Curuxa do Humor de Fene de humorismo gráfico xa coñece o nome dos gañadores. Tras “unhas deliberacións ben reñidas pola extraordinaria calidade dos traballos”, tal e como se informou desde o Concello, o xurado decidiu finalmente conceder o primeiro premio na categoría para maiores de 25 anos a Fernando Iglesias Mouta, mentres que Ana Martínez Fernández resultou gañadora do Curuxa Nova (para menores de 25).
Ademais, Manuel Arriaga de León e Cristián Fojón Caruncho alzáronse co segundo galardón na categoría Gráfica e Nova, respectivamente.
Coñecido o fallo, a organización do certame, que recae na Concellería de Cultura de Fene, ten previsto inaugurar no mes de outubro unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria –preto de 90–.
Previsiblmente, no mesmo acto procederase á entegra dos galardóns, dotados con 2.000 euros no caso da Curuxa Gráfica e 1.500 para o segundo e 1.000 e 500 para os da categoría de menores de 25. Os catro recibirán ademais un diploma.
Xunto ao alcalde Gumersindo Galego, formaron parte do xurado a concelleira Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos; Daniel Romero, en calidade de secretario do xurado; e polos humoristas gráficos Borja Ramón López (gañador do 1º Premio Categoría Curuxa 2017); Andrés Simal González (vencedor da Curuxa Nova de 2017) e Kiko da Silva.
Premiados
Iglesias Mouta resultou gañador polo seu traballo “Chus”, presentado con lema “Señor K”. O xurado valorou a claridade da súa proposta gráfica, con referencias a escolas europeas, así como a inmediatez do chiste e a delicadeza para tratar con humor e moito respecto o tema de relixión.
Do segundo premiado, que presentou a obra “Pésame” e o lema “Sergio”, salientaron o protagonismo que deu a un tema animalista moitas veces ignorado: á amizade entre os seres humanos e as mascotas.
O xurado quixo destacar tamén os traballos non premiados que chegaron á fase final, concedéndolles unha mención de honra, sen dotación económica, a “Natureza”, de Alejandro Viñuela Agra, e “Felicidade”, de Beatriz Rodríguez Gregores.
Curuxa Nova
Na categoría de Curuxa Nova, Ana Martínez Fernández acadou o primeiro posto co traballo “A banda dos capóns en acción” e o lema “Até”, do que destacaron a composición narrativa da páxina, moi orixinal e interesante para unha historia de humor, así como a coralidade do debuxo e a súa capacidade para resolver.
Do segundo premio, que recaeu en Fojón, salientou o seu humor retranqueiro vencellado ao problema da comunicación ferroviaria da comarca de Ortegal.
Ademais recibiron mencións de honra a Miguel Bouzas, Helena Fernández, Antón Agra, Marta Picallo e Antía González.
Obxectivo
O certame, organizado pola Concellería de Cultura de Fene, busca recoñecer o traballo dos menores humoristas gráficos do momento (tanto galegos como de calquera recuncho de España), ademais de procurar unha maior proxección pública dos Museo do Humor de Fene.
Este é, tal e como lembran desde o municipio, un dos poucos do seu xénero e coas súas características que existen no noso país e no mundo enteiro.

Fernando Iglesias Mouta e Ana Martínez, gañadores do premio Curuxa do Humor de Fene

Te puede interesar