Un traballo sobre o machuco de Cabalar gaña o VI Premio de Investigación Ferro Caaveiro da Capela

etnoeume a capela
|

“Unha ferrería hidráulica no Século das Luces: o mazo ou machuco de Cabalar no Concello da Capela”, de José Manuel Yáñez Rodríguez, foi elixida polo xurado da sexta edición a obra gañadora do Premio de Investigación Ferro Caaveiro, dotado con 500 euros –ademais da súa publicación n a revista “O Retorno”– e que foi entregado no decurso da II Feira Etnográfica Etnoeume que se celebrou onte no lugar do Pazo, onde se localiza o Museo Etnográfico da Capela, un dos máis lonxevos de Galicia.
O segundo premio, de 300 euros, foi para o tándem formado por  Ángel Corbeira Barreiro e Adrián Meizoso Calvo, que presentaron o traballo “As parroquias de San Boulo, Cabalar e A Capela a través do Catastro de Ensenada”. Tamén a catro mans escribiuse o estudo que recibiu o terceiro premio, “As escolas de ferrado”, asinado por Noelia Tojeiro Ramil e María Abella Otero.
A entrega dos galardóns, que tivo lugar na igrexa parroquial,  foi só un dos actos incluídos no programa da segunda edición de Etnoeume, que se clausurou onte ao serán con máis participación ca o ano pasado. Esta iniciativa, con vocación de continuidade, ten por obxectivo potenciar o Museo Etnográfico da Capela, arredor do cal xira toda a celebración. O coordinador desta iniciativa, o profesor retirado Secundino García  –o mesmo que puxo o xermolo desta institución hai máis de tres décadas no colexio Mosteiro de Caaveiro–, cualificou onte de éxito este novo evento relacionado coa etnografía do mundo rural, que rematou, igual ca na primeira cita, cunha malla que suscitou o interese e a participación de moitos veciños da zona e dos lugares limítrofes.
A feira principiou a media mañá coa apertura dos aproximadamente setenta postos –trinta máis ca o ano anterior– que expuxeron os seus produtos de alimentación da zona e de artesanía tradicional e tamén máis moderna, así como antigüidades en xeral e obxectos de segunda man.

Un traballo sobre o machuco de Cabalar gaña o VI Premio de Investigación Ferro Caaveiro da Capela