Os arquitectos percorren hoxe oito puntos da cidade para chamar a atención sobre a situación ambiental

A delegación ferrolá do Colexio de Arquitectos de Galicia celebra hoxe o Día Mundial da Arquitectura cun percorrido por lugares senlleiros da cidade para promover a reflexión sobre a súa situación ambiental. Recollen así a idea de destacar a importancia desta disciplina na redución de gases de efecto invernadoiro e do cambio climático que prima no festexo en todo o mundo.
O roteiro, aberto a quen se queira sumar, sairá ás once da mañá da praza do Cruceiro de Canido e rematará no paseo litoral do barrio de Caranza, despois de parar no barrio da Madalena, a Alameda do Carbón, a praza da Constitución, a praza de España, o barrio de Ultramar e a urbanización do Bertón.
Propoñen os arquitectos ferroláns, en colaboración coa asociación Verdegaia, “unha reflexión sobre a situación ambiental do conxunto da cidade, prestando especial atención a aspectos como o comportamento enerxético das edificacións, o conflito entre tráfico rodado e espazos públicos, a xestión deficiente do ciclo da auga, a contaminación lumínica que provoca a iluminación pública, a urbanización extensiva inxustificada ou a adaptabilidade climática das especies plantadas nos espazos públicos”, entre outros.

debate
A actividade terá prolongación o luns á tarde, cun debate, a partir das 19.30 horas, no local da delegación ferrolá (Real 14-16). Alí os participantes no percorrido e tódalas persoas interesadas no tema proporán solucións ás oito problemáticas abordadas no percorrido desta mañá. As súas conclusións recolleranse nun documento que se divulgará a vindeira semana.
As demais cidades galegas emprenderán accións semellantes nesta Semana da Arquitectura, seguindo a indicación do Colexio de poñer de relevo a importancia do deseño responsable tanto nas edificacións como no urbanismo “para tentar solventar un dos problemas máis importantes deste tempo, o cambio climático”.

Os arquitectos percorren hoxe oito puntos da cidade para chamar a atención sobre a situación ambiental

Te puede interesar