Teatro, música e danza, centrarán a oferta de ocio do Pazo da Cultura a partir do mes de setembro

Teatro, música e danza, centrarán a oferta de ocio do Pazo da Cultura a partir do mes de setembro
Fachada principal do Pazo da Cultura de Narón | j.m.

O Padroado da Cultura de Narón retomará o vindeiro mes de setembro a actividade cultural con varias representacións. A nova programación da tempada dará comezo o 15 de setembro co espectáculo da compañía Mofa e Befa, “Cranios Privilexiados”.
Xa o 22 de setembro será a quenda de obra “El funeral”, que conta cun elenco formado, entre outros, polos consagrados actores Antonio Resines e Concha Velasco. A programación teatral terá continuidade os días 28 e 29 de setembro da man da compañía Teatro do Noroeste, que porá en escena a obra de Valle-Inclán “Avaricia, luxuria, morte”. Xa no mes de outubro, o sábado 6, chega a quenda da música da man da cantante de Boimorto Luz Casal, que presentará no espazo escénico naronés o seu novo traballo “Que corra el aire”. As entradas para este espectáculo están esgotadas dende hai semanas.
O domingo 7 de outubro é a quenda do primeiro dos espectáculos infantís programados ata final de ano. Trátase da obra musical “Os tres porquiños”, recomendada para pequenos a partir dos dous anos.
Así mesmo, a compañía “Teatro do Atlántico” traerá a Narón os días 19 e 20 de outubro a obra “Dúas donas que bailan”.
O circo tomará o relevo o domingo 21 de outubro no escenario do Pazo da Cultura coa Compañía Nueveuno e o seu espectáculo “Sinergia 3.0”, unha mistura de varias artes como a danza, os malabares, equilibrios e tecnoloxía cunha fantástica música orixinal de fondo.
Para o sábado 27 está prevista unha xornada de danza da man da compañía SEDA, que escenificará o seu espectáculo “Concierto para un alma”.
O teatro para todos os públicos volta de novo á escena do Pazo da Cultura naronés o vindeiro 28 de outubro ás 18 horas. Nesta ocasión representarase a obra “A nena e o grilo máis alá”, unha montaxe de Teatro dos Ghazafellos e Urdime que conta coa actuación de Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas.
Xa no mes de novembro o teatro e o ballet centrarán a actividade do Pazo. Así, o día 1 os actores Dani Rovira, José Juan Vaquero e Iñaqui Urrutia porán en escena a comedia para maiores de 16 anos “Monólogos interruptus”. Tomará o relevo o sábado 3 a compañía Nueve de Nueve coa obra de teatro actual “La extinta poética”, mentres que para o domingo 4 está prevista a actuación de “La teta calva” coa obra ”Las aventuras de Tom Sawyer”.
O ballet de Victor Ullarte tamén subirá ao escenario do Pazo da Cultura de Narón.
Será o sábado 10 de novembro para representar, máis dun século despois da súa estrea oficial, unha nova proposta da obra “Carmen”, de Georges Bizet.
O sábado 17 de novembro volve o teatro actual ao espazo escénico naronés coa peza “¿Quién es el señor Schmitt?” protagonizada polo actor ferrolán Javier Gutiérrez e Cristina Castaño. Un día despois, o domingo 18, retorna ao Pazo unha proposta infantil e xuvenil coa obra “Alegría, palabra de Gloria Fuertes”, un espectáculo no que dous traballadores do antigo circo Crocodilo viven rodeados de contos e poemas da finada autora.
Para rematar o mes de novembro, o sábado 24 a compañía Unahoramenos Producciones pon en escena “Tal vez soñar”.
Xa en decembro a oferta cultural é se cabe aínda máis variada que nos meses anteriores, como apuntan desde o Concello. Así, no domingo 2 de decembro hai de novo teatro para bebés (a partir de 6 meses) da man da compañía Teloncillo Teatro e a súa obra “La granja”.
O venres 14 é o turno do Ballet Nacional Ruso, que levará ao escenario naronés a obra “La bella durmiente”. Ao día seguinte, o sábado 15, “Xavier Díaz e as adufeiras de salitre” traerán a música tradicional ao escenario do Pazo da Cultura.
O venres 21 de decembro remata a programación con The Chicago Mass Choir, o coro de gospel fundado por James C. Chambers que encandila e emociona alí onde van coa beleza das súas voces e a excelente posta en escena.

Teatro, música e danza, centrarán a oferta de ocio do Pazo da Cultura a partir do mes de setembro

Te puede interesar