Catabois vivirá hoxe unha noite de terror coa volta das ánimas

Catabois vivirá hoxe unha noite  de terror coa volta das ánimas
Samaín Catabois

Os comerciantes, hostaleiros e empresarios de Catabois, agrupados na asociación ECHO, volven este 31 de outubro a celebrar o Samaín cunha gran festa, ante o éxito acadado nas dúas edicións anteriores. A actividade máis rechamante será o pa-sarrúas Volta das Ánimas, que contará con animación teatral e musical, así como con carrozas e a participación dos veciños caracterizados terrorificamente para a ocasión. Sairá ás oito desta tarde desde o mesón La Cueva (na glorieta do Marcide) ata Canido, nun Quilómetro do Terror cheo de humor e no que participarán a batucada Os Fenómenos, de Pontedeume, e a charanga Os Amarguros. Haberá premios para as carrozas que participen neste pasarrúas, en cataleuros (que se poden gastar nos locais do barrio e que equivalen a un euro). As cantidades van desde os 250 cataleuros dos primeiros clasificados ata os 100 dos que queden en cuarto lugar.
Pero este desfile das ánimas non é, nin moito menos, a única proposta que promoven desde ECHO, co apoio de institucións públicas e privadas, no Samaín. Hai competicións para implicar ós veciños e ós comerciantes na celebracións, premiando a mellor caracterización (sen máscaras nin caretas), os comercios e locais de hostalería mellor ambientados, e tamén as vivendas particulares que teñan unha decoración máis acaída para esta data. Tamén hai un concurso de cabazas, outro de colares de castañas e un para as escolas. As mesas de recollida estarán situadas no bar Félix, Froiz e no Ipanema. Poderanse deixar desde as catro da tarde.
Para prepararse para esta tarde-noite de culto ós mortos haberá talleres de cabazas (nas mesas nas que se recollen) e tamén se contará con especialistas en maquillaxe que axudarán á xente a caracterizarse de ánima.
Para participar nos diferentes concursos é preciso incribirse con anterioridade, un trámite que pode facerse en La Tienda de Anuska ou en neumáticos Aldo.  A entrega dos galardóns será despois do pasarrúas, ás dez da noite, no palco que se instalará na rúa Batalla de Brión. Media hora despois comezará o concerto de Padel Rock, co que se animará tamén a noite na zona. Ademais, pola rúa contarase coa música do grupo Os Xotas.
Desde Echo Catabois fíxose constar onte que non contactou nin contratou a instalación de ningunha atracción de feria e que non asume ningunha responsabilidades ao respecto. A entidade suscribiu un seguro que cubre calquera eventualidade na cabalgata.

festa infantil en odeón
Tamén hoxe o centro comercial Dolce Vita Odeón vive a festa do Halloween. A partir das seis da tarde haberá unha festa infantil con música, xogos, bailes e bromas terroríficas. A proposta está aberta a tódolos nenos que queiran participar.

Catabois vivirá hoxe unha noite de terror coa volta das ánimas

Te puede interesar