A música e o cine protagonizan o programa de Nadal das Pontes

A música e o cine protagonizan  o programa de Nadal das Pontes
A cantante Ses actuará coa súa banda no auditorio municipal Cine Alovi o sábado 21 jorge meis

Os espectáculos para os máis pequenos e a oferta musical adoitan encher de contido o Nadal e tamén sucede isto no caso das Pontes, onde ademais, a estas propostas se suman proxeccións cinematográficas. As actividades comezarán o 15 de decembro, á unha do mediodía, cun concerto de Nadal na Casa Dopeso no que cantarán a coral Eixil, de Cedeira, as Cantareiras de Alende e a coral Endesa das Pontes. Neste mesmo escenario, o día 20 será a rondalla Vila das Pontes a que faga o seu concerto habitual nestas datas, a partir das oito da tarde, e coa compañía dos alumnos do Conservatorio e da soprano Hiua Chang e os seus alumnos. O repertorio incluirá música clásica e panxoliñas.
Tamén a banda do Conservatorio terá a súa actuación, o xoves 19 de decembro, ás sete da tarde, no auditorio Cine Alovi. Participarán os distintos conxuntos e alumnos de linguaxe musical.
Ses presentará o seu novo disco, “Co xenio destrozado”, o 21 de decembro, ás oito, tamén no auditorio municipal, nunha actuación con entradas a 3,50 euros que poden reservarse a partir do día 16 no departamento de cultura.
Ó día seguinte pasará polo Alovi a compañía Caramuxo Teatro, cunha nova proposta para bebés, pensada para os pequenos de un a seis anos. Trátase dun espectáculo de media hora de duración, pensado, dirixido e interpretado por Juan Rodríguez e Laura Sarasola e que constará de dous pases, un ás 17.30 e outro ás 18.30 horas. En “Ñam” propoñen un espectáculo moi visual no que se misturan disciplinas como o teatro e a danza, e que ten como eixo central a cociña e tódolos sentidos implicados no seu goce en familia.
O día 23 tamén serán os nenos os destinatarios das actividades, cun concerto de Mamá Cabra, que presentará o seu novo disco, “Bicos de música”. Será no Alovi a partir das seis da tarde. Tanto nesta actuación como na de Caramuxo, as entradas custan tres euros para os adultos e a metade para os nenos.
O grupo de soul e rock de Vigo Broken Peach presentará o seu espectáculo “Broken Christmas” o 28 de decembro, no auditorio municipal, a partir das oito da tarde. Os máis coñecidos temas de Nadal son versionados por esta particular banda, que personaliza cada unha das cancións e que se presenta cunha estética extravagante. Neste caso as entradas custan 3,5 euros.
O ano empezará con propostas para os máis pequenos, cun parque infantil con inchables e material multimedia que se instalará no pavillón polideportivo municipal o día 2, a partir das catro da tarde. Ofrece espazos para tódalas idades, como unha casiña especial para nenos de un a catro anos, un Bob Esponxa de tres a doce, palmeiras ou un circuíto de bolas rodantes.
Teatro Trompicallo pasará polas Pontes o día 3 de xaneiro, en dúas sesións. A primeira será na escola infantil Barosa, para nenos de un a tres anos, ás once da mañá e ás doce do mediodía. Representarán para eles “O día que chegou unha nube e choveu”.
Xa pola tarde, ás seis, na Casa Dopeso, representarán “Osiño”, unha proposta para público familiar (a partir dos tres anos).

películas
O Alovi terá tamén durante o Nadal os seus usos como cine, coa proxección de tres películas. “El llanero solitario”, adaptación ó cine do serial radiofónico do mesmo título, con Johnny Deep, verase o 26 de decembro, ás 20.30 horas. O 30 haberá sesión dobre, con “Monstruos University” ás seis da tarde e, ás 20.30, “Malavita”, de Luc Besson, con Tommy Lee Jones, Michelle Pfeiffer e Robert de Niro. En xaneiro proxectarán “Thor, el mundo oscuro” o día 2 e “Lobezno inmortal” o 3.

A música e o cine protagonizan o programa de Nadal das Pontes

Te puede interesar